Ribeira poxa o 25 % do polbo galego, con 165.000 quilos desde xullo
A lonxa de Ribeira dobra as capturas de polbo de Vigo e triplica as da Coruña
Os meses máis fortes da pesca do polbo en Galicia consolidan a lonxa de Ribeira como punto principal de descarga. Case 170.000 quilos desde a apertura da veda duplican as capturas que chegaron a Vigo e triplican as da lonxa da Coruña.
"Temos unha frota moi grande que se dedica ao polbo e ademais outras confrarías limítrofes tamén veñen vender a Ribeira", explica José Antonio Pérez Sieira, o patrón maior de Ribeira, un porto de referencia en Europa en pesca artesanal que agora consolida a súa posición como principal posto de descarga do polbo en Galicia.
"164.000 quilos levamos poxados no que vai de ano. E si é certo que, en comparación con outras lonxas como pode ser A Coruña, si que estamos acaparando un pouco a poxa de polbo", engade Manuel Tomás Abal, poxador da confraría de Ribeira.
Fan agora este balance porque, aínda que queda un trimestre para que volva a veda, neste tempo xa baixan as capturas de polbo, polo inverno e porque os mariñeiros deciden cambiar de arte. Para a semana xa abre a centola.
Nos días mellores destes pasados meses, en que chegaron a entrar sete toneladas nun día, o polbo superou os 14 euros/quilo. Pero o ánimo pola recuperación das capturas non é completo porque seguen a notar os efectos do cambio climático: hai preocupación porque o polbo escapa cara ao norte, cara á zona das Illas Británicas, e tamén porque antes desovaba dúas veces ao ano "e agora todo o ano temos o polbo ovado", explica o patrón maior da confraría.
Así que apelan á cautela para preservar a especie, que por certo este ano foi, nun 85 por cento, para conxeladoras con marca galega.