As confrarías galegas esixen que se dupliquen as bonificacións ao combustible ou manterán as protestas
As confrarías galegas esixen que se dupliquen as bonificacións ao combustible ou manterán as protestas
Suxiren limitar en 0,70 euros por litro o prezo do carburante
Levarán a súa proposta a Madrid o martes 29 de setembro para buscar o apoio do sector a nivel nacional
TVG
A Federación Galega de Confrarías esixe que a bonificación ao combustible pase dos 20 céntimos de euro actuais ata os 40, do contrario, as mobilizacións seguen enriba da mesa.
Ademáis critican o modelo de distribución do Ministerio de Agricultura e Pesca, que asigna as compensacións por artes de pesca e tamaño do buque, en lugar de basearse non consumo real de diésel das embarcacións.
A organización acordou nunha reunión, celebrada na tarde deste luns en Ames, levar a súa proposta a Madrid o martes vindeiro para buscar o apoio do sector a nivel nacional.
A subida do combustible "afoga" a pesca artesanal
As confrarías suxiren limitar en 0,70 euros por litro o prezo do carburante, que ameaza con paralizar a frota e advirten, nun comunicado, de que a "alarmante subida" do prezo do combustible "afoga" á pesca artesanal.
Sosteñen que a frota pesqueira non pode repercutir os custos directamente no consumidor, posto que a comercialización se realiza a través das lonxas, así que as empresas armadoras non poden controlar as marxes de beneficio e por iso trabállase baixo un réxime subvencionado de combustible.
Aseguran que agora, con prezos que superaron o euro por litro, os custos "fan totalmente inviable a actividade e levan á paralización da frota e ao abandono da profesión".
A Federación Galega de Confrarías decidiu participar na Comisión Permanente da Federación Nacional de Confrarías o próximo día 29 e buscar o consenso nacional para "tomar medidas drásticas" de xeito conxunto.
Tras esa cita, convocarán unha segunda reunión de patróns maiores para comunicar as medidas conxuntas e as actuacións previstas.