Publicador de contidos

Publicador de contidos

O chan e o clima de Galicia son bos para o cultivo de plantas medicinais e aromáticas

O chan e o clima de Galicia son bos para o cultivo de plantas medicinais e aromáticas

Desde unha explotación de Paderne aseguran que é un cultivo que pode axudar a fixar poboación rural

G24.gal 21/11/2026 14:46

Visitamos unha explotación de Paderne dedicada en exclusiva, desde hai tres xeracións, á produción, fabricación e manipulación de plantas medicinais e aromáticas.

"Dedicadas á industria farmacéutica, cosmética e ultimamente tamén á alimentación, con enfoque ecolóxico", explica o xerente, Marcos Bonome.

Traballan seis variedades de plantas, ao que os axuda a compaxinar mellor os ciclos de produción e a sortear as posibles flutuacións de mercado.

"Tentamos que todas as plantas teñan un uso ao menos dual, que se poidan usar tanto en alimentación, en cosmética, en fabricación de abonos ou en farmacia", puntualiza Marcos.

"Temos menta, hortelá, romeu, tomiño, salvia e árnica", concreta o enxeñeiro agrónomo Carlos David Ortiz.

Asegúranos que son cultivos que se adaptan ben ao chan e ao clima de Galicia, rendibles e que poden funcionar como complemento noutras explotacións e axudar a fixar poboación rural.

"Pode ser un complemento de fixación de poboación rural porque é outro ingreso máis para a xente do campo, unha alternativa máis", subliña Marcos Bonome.

Marcos busca agricultores interesados en producir este tipo de plantas para colaboraren. 

"É un formato chamado en inglés partnership. Un ten a capacidade de procesar as plantas, que son eu, e necesitase un agricultor que estea pendente dunha leira, pero coa nosa supervisión", explica.

Pola súa parte, Carlos montou unha escola, Comunidade Miñoca, para compartir coñecementos e apoio técnico.

"O que queremos achegar é coñecemento, asistencia técnica, proxectos de manexo técnico", puntualiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade