Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un bar da Coruña vende mil rifas para unha cesta de Nadal valorada en 4000 euros

Un bar da Coruña vende mil rifas para unha cesta de Nadal valorada en 4000 euros

Entre os premios, un televisor de 55 polgadas, un móbil de última xeración e unha viaxe por Europa

G24.gal 08/11/2026 21:00

O sorteo da cesta de Nadal de El De Manolín é todo un acontecemento no barrio dos Mallos. Ten todo o que se lle pode pedir a unha cesta de Nadal ben surtida... e moito máis.

"Cando abrimos empezamos facendo a típica cesta tradicional de tres pisos. Ao ano seguinte metimos unha tele, e ao seguinte unha caixa de aceite. Cada ano máis cousas", explica Manuel Cruz, propietario do local.

A deste ano está valorada en máis de catro mil euros e inclúe, entre outros agasallos, un televisor de 55 polgadas, unha fritidora de aire, un móbil de última xeración e un mes enteiro de menú do día gratis no propio bar.  

Pero o premio máis cobizado é, probablemente, unha estancia de catro días en Roma, París ou Londres.

"Hai unha viaxe e claro, toda a xente anímase. Eu tamén estou animada, cunha rifa toca". "Quizais o que máis ilusión me fai é a viaxe, para desconectar un pouquiño cando se poida. Tamén os cartos en efectivo, porque nestas datas hai moitos gastos", comentan Merchi e Lorena, dúas clientas habituais de El De Manolín.

Manolín puxo á venda mil rifas que se esfumaron nunha semana.

O sorteo celebrarase o 19 de decembro. Os que non poidan estar, poderán velo en directo a través da conta de Instagram do local.

Será un día de celebración e de festa para toda a clientela deste bar que fai barrio na Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar