Os veciños do centro de Vigo volven levar o Concello ao xulgado polo Nadal
Reclaman a anulación da autorización municipal que permitiu instalar o Cíes Market e a nora xigante na contorna da praza de Compostela durante a campaña de Nadal 2025-2026, pese ao anuncio do Concello de trasladar ambas as instalacións fóra da Alameda
A demanda solicita a nulidade do decreto municipal do 15 de outubro de 2025, que autorizou á agrupación empresarial AMFE a ocupar o dominio público con 75 casetas, unha nora, un carrusel e outras atraccións
A Asociación Veciños Zona Centro Vigo volve este mércores aos xulgados para reclamar a anulación da autorización municipal que permitiu instalar o Cíes Market e unha nora xigante na contorna da praza de Compostela durante a campaña de Nadal 2025-2026, pese ao anuncio do Concello, este martes, de trasladar ambas as instalacións fóra da Alameda.
A entidade expresou a súa satisfacción pola decisión do alcalde Abel Caballero, ao considerar que responde a unha reivindicación sostida durante anos mediante denuncias, reclamacións e actuacións xudiciais. No entanto, a asociación veciñal subliñou que o traslado non pon fin aos procedementos en marcha, cuxo obxectivo é obter garantías xurídicas para impedir que se repitan situacións similares.
A asociación insistiu, ademais, nun comunicado, en que nunca reclamou que as molestias se trasladen a outros barrios da cidade. “Dixémolo desde o primeiro día e queremos reiteralo agora: nunca pedimos que este problema se trasladase a outro barrio de Vigo.
"A nosa reivindicación non consiste en cambiar as molestias de rúa nin de veciños. Defendemos que ningún vigués, viva onde viva, ten que soportar situacións como as que viñemos denunciando durante estes anos”, afirman.
A demanda solicita a nulidade do decreto municipal do 15 de outubro de 2025, que autorizou á agrupación empresarial AMFE a ocupar o dominio público con 75 casetas, unha nora, un carrusel e outras atraccións. Segundo a asociación, o permiso concedeuse sen informes previos sobre o impacto acústico e lumínico das instalacións nas vivendas próximas.
Os veciños achegan medicións periciais da campaña do Nadal 2025-2026 que, segundo sosteñen, constatan excesos dos límites acústicos municipais en vivendas situadas entre 14 e 16 metros da nora. En canto á contaminación lumínica, sinalan que a iluminancia vertical nunha fachada pasou dunha media de 40 lux durante o funcionamento da atracción a 1,8 lux tras a súa retirada, con máximos de 59 lux fronte ao límite de 10 lux sinalado na demanda para zonas residenciais urbanas.
A asociación lembra que a contorna está declarado Zona Acusticamente Saturada desde 2008. O litixio súmase a dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) relacionadas cos ruídos do Nadal na zona. A primeira, do 29 de maio de 2024, apreciou unha vulneración dos dereitos fundamentais á intimidade e á inviolabilidade do domicilio; a segunda, do 30 de outubro de 2025, declarou que a resolución anterior non se executara e esixiu un control efectivo e permanente.
No procedemento actual, a asociación sostén tamén que non se deu audiencia aos veciños afectados e que a autorización municipal afecta a un xardín histórico catalogado. A súa principal pretensión é que o mercado e as atraccións non poidan volver instalarse nese emprazamento, co fin de evitar que se reproduzan as situacións denunciadas durante as últimas campañas do Nadal.