A Fiscalía pide nove anos de cadea para un home por intento de homicidio cunha arma de fogo en Lugo
O acusado presuntamente intentou matar a tiros a vítima, a quen despois ameazou a través dun vídeo publicado en TikTok
Entre amplas medidas de seguridade celebrouse na Audiencia Provincial de Lugo un xuízo por intento de homicidio, tenza ilícita de armas e ameazas. Segundo o escrito da acusación, en agosto de 2025 o imputado dirixiuse nun coche ao Camiño de Sisulles, ás aforas da capital lucense, e disparoulle varias veces cunha pistola a un home co que tiña vellas disputas. A vítima fuxiu cara ao interior da súa vivenda e logrou así esquivar os impactos de bala. Posteriormente, o acusado colgou un vídeo en TikTok onde ameazaba a mesma persoa.
"Atentou contra a vida do meu cliente, disparándolles tres tiros cunha pistola cunha carga bastante potente, que era un 9 mm longo. Despois ameazouno en TikTok recoñecendo os feitos. E ademais non ten licenza para portar unha arma, e menos usala", sinala Víctor Bouzas, avogado da acusación particular.
"Si, existen unha serie de vídeos, pero non están nin cotexados nin se lles fixo ningún tipo de proba para asegurar que eses vídeos se colgaron o día e á hora na rede social que eles din. Polo tanto, para min é unha proba que non hai que ter en conta. Hai que desvirtuala totalmente, e por tanto entendo que a defensa non ten ningún tipo de proba", replica Francisco José Pérez González, avogado da defensa.
A Fiscalía pide para o acusado un total de nove anos e seis meses de cadea, sete anos polo intento de homicidio, un ano e medio por tenza ilícita de armas e outro ano máis polo delito de ameazas. Pola súa parte, a defensa solicita a libre absolución por falta de probas.
"Eu vou pedir a libre absolución do meu defendido, posto que non hai ningunha proba que o incrimine nin que o sitúe no lugar dos feitos dos que o están acusando", explica o letrado defensor.
"Nós pedimos nove anos de prisión pola tentativa de homicidio, dezaoito meses polas ameazas e outros dezaoito meses pola tenza ilícita de armas. A fiscalía pide menos", engade a acusación particular.
Ademais, a fiscala solicita o afastamento da vítima durante 14 anos por parte do acusado, que se encontra en prisión provisional dende setembro do ano pasado.