Poden as empresas aforrar auga? Vigo pídelles a máis de cen que reduzan o consumo
O concello recomenda recortar o gasto porque o encoro de Eiras vai baixar ao mínimo histórico
Grandes industrias como Stellantis ou Ence aseguran que xa aplican medidas de moderación
O Concello de Vigo pídelles a máis dun cento de empresas e grandes consumidores de auga da cidade que reduzan o seu uso polo agravamento da seca. O municipio envioulles unha carta cunha recomendación, de momento, de que gasten menos. É unha petición a grandes empresas. As reservas do encoro de Eiras seguen baixando e xa caeron ao 39 %.
O alcalde asegura que, se as circunstancias non mudan, en Vigo só se pode garantir o abastecemento de auga con calidade durante 38 días.
"O vindeiro 2 de novembro, se todo segue igual, o embalse alcanzará a cota mínima da súa historia", advirte Abel Caballero.
Por lei, os concellos e a Xunta teñen capacidade para limitar o consumo de auga. Poden facelo en distintos escenarios, dependendo dos niveis de alerta que estean declarados. Pero na práctica, polo de agora, non se están impoñendo restricións. Só hai recomendacións. Milleiros de empresas necesitan a auga para vivir e nalgunhas é absolutamente imprescindible.
"A verdade é que nunha tinturaría se non temos auga... Xeramos moito vapor, para todo", afirma Emilio Otero, encargado dun dos locais da coñecida rede de tinturarías Emperatriz.
Varias grandes empresas aseguran que xa están aforrando auga. Na factoría de Stellantis de Vigo din que teñen en marcha un "plan de recirculación" para gastar menos auga. En Pontevedra, Ence asegura que dende o pasado agosto xa non capta auga do río Lérez para os procesos industriais, grazas a que instalou un sistema de recuperación propio.
Outro exemplo: dende a cadea de ximnasios Máis que auga de Vigo explican que coas medidas de control que aplican dende hai tempo manteñen o consumo de auga de hai cinco anos aínda que contan con máis usuarios. Mentres, pequenos negocios toman tamén as súas propias medidas.
"Xa levamos tempo no que nos propuxemos, no sistema de lavar as cabezas, evitar malgastar auga. E, en canto, rematamos de lavar, pechar a billa, non mantela aberta", relata Luísa Míguez, directora do salón de peiteados Jorge Rubín de Vigo.
De momento, son os concellos os que directamente recortaron consumo, pechando as duchas nas praias, por exemplo. Algúns, como o de Pontevedra, tamén publicaron bandos limitando algúns usos: para encher piscinas ou lavar coches, algo que si se pode facer, pola contra, nos establecementos autorizados.