Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz Pedraz rexeita imputar "neste momento" o PSOE polo caso Leire

O xuíz Pedraz rexeita imputar "neste momento" o PSOE polo caso Leire

O maxistrado considera que aínda faltan dilixencias por practicar para esclarecer se hai unha "conexión obxectiva" entre os feitos atribuídos ao exdirixente socialista Santos Cerdán e o partido

Pedraz quere determinar que "poderes reais" tiña Santos Cerdán dentro do partido, "quen autorizou e executou os pagos investigados", que controis internos existían, se houbo fallos relevantes de supervisión ou se o partido obtivo algún beneficio das condutas investigadas

A exmilitante socialista Leire Díez, nunha imaxe de arquivo (Europa Press) A exmilitante socialista Leire Díez, nunha imaxe de arquivo (Europa Press)
G24.gal 09/10/2026 11:00 Última actualización 09/10/2026 12:23

O xuíz Santiago Pedraz rexeitou imputar "hoxe por hoxe" ao PSOE no caso Leire, como pedía o PP, ao considerar que aínda faltan dilixencias por practicar para esclarecer se hai unha "conexión obxectiva" entre os feitos atribuídos ao exdirixente socialista Santos Cerdán e o partido.

"Aínda que os feitos puidesen presentar en abstracto aparencia delituosa por parte do PSOE, non se incorpora aínda un elemento ou principio de proba que avale razoablemente a súa realidade", afirma o xuíz que investiga a unha presunta trama para desestabilizar as causas xudiciais que afectasen o PSOE e o Goberno.

Nun auto ditado este venres, Pedraz segue o criterio da Fiscalía e rexeita a petición que o PP, que coordina as acusacións populares, realizou un día despois da convocatoria electoral para imputar o PSOE na Audiencia Nacional por delitos de financiamento ilegal, suborno, tráfico de influencias, branqueo e malversación.

Non abonda con que dirixentes cometan delitos

Tras repasar a xurisprudencia do Tribunal Supremo para imputar un partido, o xuíz apunta que "non abonda con que directivos ou empregados cometesen delitos", senón que "habería que valorar a eventual e indiciaria atribución de responsabilidade criminal ao PSOE polos delitos presuntamente cometidos polo seu secretario de organización e xerente no exercicio das súas funcións".

Para iso, é necesario "practicar determinadas dilixencias" co obxectivo de concretar se os pagos efectuados á exmilitante socialista Leire Díez "foron ordenados" e "satisfeitos directamente" polo ex secretario de Organización Santos Cerdán desde contas do PSOE, "permitindo establecer unha conexión obxectiva" entre a súa actuación e "a estrutura patrimonial" do partido.

É dicir, hai que determinar que "poderes reais" tiña Santos Cerdán dentro do partido, "quen autorizou e executou os pagos investigados", que controis internos existían, se houbo fallos relevantes de supervisión ou se o partido obtivo algún beneficio das condutas investigadas.

Porque, recalca o xuíz, para imputar un partido, "debe acreditarse un defecto estrutural de organización, control e supervisión" e ten que "existir un beneficio directo ou indirecto para a organización".

Non hai polo momento "principio de proba" contra o PSOE

O xuíz explica que, co investigado ata o de agora, non hai un "principio de proba" para investigar o PSOE. Ese principio de proba sería unha "antesala dos indicios", un dato que, aínda que non demostre o feito, lle dea "unha base obxectiva".

Con estes vimbios, o xuíz albisca que "os feitos puidesen presentar en abstracto aparencia delituosa por parte do PSOE", aínda que non hai polo momento "un elemento ou principio de proba que avale razoablemente a súa realidade".

Entre as dilixencias que o xuíz estima necesarias figura a análise da documentación incautada ao PSOE e a Cerdán en maio e, despois, a declaración deste exdirixente.

Pedraz quere "concretar quen ordenou eses pagos", se os órganos de administración estaban ao tanto, se houbo alertas internas ou se o sistema de control os permitiu sen comprobación algunha, quen estaba autorizado para dispoñer das contas, ou se existían facturas ou documentos para dar cobertura aos pagos.

A Fiscalía resalta a importancia de que declare Cerdán

No seu informe, ao que tivo acceso EFE, a Fiscalía viu prematura a imputación do PSOE, pero apuntou a indicios de suborno e tráfico de influencias.

Na súa opinión, co investigado "parece evidenciarse que non existía mecanismo de control algún sobre a xestión que (...) Cerdán facía das contas do partido", aínda que a Fiscalía cre que este exdirixente "debe ser oído" para determinar os seus poderes e funcións, a súa dependencia respecto á Comisión Executiva Federal ou a súa responsabilidade na contratación de Leire Díez.

Alén da declaración de Santos Cerdán, a Fiscalía ve pertinente, en segunda instancia, a de Leire Díez, do ex-xefe de gabinete de Pedro Sánchez no PSOE Juan Manuel Serrano e do exvicepresidente andaluz Gaspar Zarrías, todos eles investigados.

Porque, recalca a Fiscalía, para imputar unha persoa xurídica esta debe ser responsable de forma autónoma, e non como "consecuencia reflexa da responsabilidade do seu secretario de Organización e a xerente", Ana María Fuentes, tamén investigada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade