Piden seis anos de prisión para o home acusado de tentar asasinar a súa nai en Bueu
Enfróntase a un delito de asasinato en grao de tentativa con agravante de parentesco
O acusado tiña esquizofrenia e non tomaba a medicación
A primeira en declarar na vista foi a vítima da agresión. Peregrina explicou como en agosto de 2024 o seu fillo a atacou por sorpresa na casa onde a familia residía no momento dos feitos.
Relatou que o acusado a esperou agochado nunha galería onde ela acostumaba facer as tarefas do fogar. Agarrouna dun brazo e sen posibilidade de defensa propinoulle un puñazo na cara que a deixou inconsciente no chan.
A muller dixo non recordar como chegou á planta baixa da vivenda onde o seu home a atopou ensanguentada, desfigurada, desorientada e sen poder falar.
No xuízo a muller explicou que foi no hospital cando puido confirmar aos axentes encargados do caso que fora o seu fillo quen a agredira. Os seus pais e os seus irmáns declararon na vista que o acusado levaba case dous anos sen tomar a medicación para a esquizofrenia paranoide que padece, polo que a convivencia con el era imposible.
Relataron diferentes episodios de violencia, insultos e agresións aos seus proxenitores aos que o acusado mesmo ameazaba de morte, de xeito especial a súa nai que actuaba como coidadora e á que acusaba de ladroa con infundadas sospeitas de quitarlle o diñeiro.
Está previsto que o xuízo quede visto para sentenza unha vez declaren todas as testemuñas, entre elas os forenses e policías que levaron a investigación.
O acusado que solicitou declarar ao final do proceso enfróntase a seis anos de prisión por un delito de asasinato en grao de tentativa coa agravante de parentesco e a eximente parcial de alteración psíquica. A Fiscalía reclama ademais unha indemnización polos graves danos causados a vítima e a imposibilidade de comunicarse con ela durante 16 anos.