Aparecen goteiras e filtracións na estación intermodal de Lugo aínda sen inaugurar
As fortes tormentas de finais de setembro deixaron danos na infraestrutura
A intermodal segue sen data de apertura
Esta é a nova estación intemodal de Lugo. Semella case rematada, aínda está sen inaugurar e as instalación xa presentan danos.
"Moi ben, que ben feitiño vai, traballaron de noite e vaite ti saber", di con retranca unha veciña de Lugo.
Hai goteiras e filtracións en varias zonas que quedaron latentes tras a forte tormenta rexistrada a finais de setembro. Toca agora facer arranxos e mellorar os sistemas de drenaxe de pluviais.
"O paradoxo mesmo. Cando un quere estrear algo o mínimo é que a infraestrutura sexa acorde coa cidade e esta é unha cidade turística".
Estas non son incidencias illadas, xa houbo que facer varios arranxos nas plataformas de acceso aos trens.
"Paréceme complicado porque isto está acabado de facer. Sempre pode aparecer algo, pero isto é moi pronto".
Mentres tanto, os veciños seguen sen servizo e urxen a súa posta en funcionamento.
"Que abran rápido, que funcione ben, que veña o tren e que teñamos servizos".
Malia que o ministro de Transportes anunciara a súa inauguración para xuño, non se están a cumprir os prazos. Non houbo inauguración oficial e tampouco hai marcada data algunha.