A estación de trens da Coruña pecha entre o 5 e 12 de novembro polas obras
Renfe establece un servizo alternativo de autobuses para realizar o traxecto ata Santiago ou Betanzos e continuar xa por tren o resto da viaxe
Renfe anunciou este mércores modificacións temporais do 5 ao 12 de novembro nos seus servizos na estación da Coruña debido a obras, o que supoñerá cambios de horarios de trens e transporte alternativo en autobuses.
As obras que se levarán a cabo na estación por parte do Adif, a firma xestora de infraestruturas de ferrocarrís, resultan "incompatibles coa circulación ferroviaria", sinala Renfe nun comunicado.
Co fin de "garantir a mobilidade dos viaxantes durante este período", Renfe indica a intención de "habilitar un plan alternativo de transporte" e de efectuar "axustes puntuais na programación habitual dos seus trens".
Así, en lugar de transportar aos viaxantes en tren, de xeito temporal nese período poñerá autobuses para transportar aos pasaxeiros entre A Coruña e Santiago de Compostela para os trens "rexionais, media distancia, Avant e alta velocidade" das conexións con Vigo, Ourense e Madrid-Chamartín, precisa a nota.
Engade que tamén poñerá esa alternativa para os trens entre A Coruña e Betanzos e para a liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol.
"Os transbordos por estrada poden levar consigo un aumento nos tempos de viaxe e cambios nos horarios de saída/chegada, tamén nas paradas intermedias", engade o operador, polo que recomenda aos viaxantes consultar horarios con antelación e activar cambios e anulacións sen custo para todos aqueles viaxantes que prefiran modificar a súa viaxe.