Investigan unha persoa por sabotaxe continuada na liña de tren de Ortigueira
Segundo o corpo de seguridade, o departamento público alertou sobre a reiterada presenza de obstáculos de gran tamaño depositados voluntariamente sobre a vía, como bloques de formigón, troncos e outros obxectos pesados
A Garda Civil apuntou que obrigaron en repetidas ocasións á interrupción temporal do servizo, á mobilización de persoal técnico para o despexe da vía e á conseguinte alteración dos horarios habituais
A Garda Civil comunicou este martes que investigou unha persoa por un presunto delito continuado de sabotaxe no trazado de tren en Ortigueira tras unhas pescudas iniciadas por sete incidentes ocorridos entre os pasados meses de xuño e agosto.
Axentes do Instituto Armado na vila confirmaron a súa identidade tras as denuncias do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) por feitos acontecidos nun mesmo punto da liña, ao seu paso pola parroquia de Senra.
Segundo o corpo de seguridade, o departamento público alertou sobre a reiterada presenza de obstáculos de gran tamaño depositados voluntariamente sobre a vía, como bloques de formigón, troncos e outros obxectos pesados. Sobre estas accións advertiu do seu grave risco para a seguridade do tráfico e a integridade dos viaxantes.
Sobre estes feitos, a Garda Civil apuntou que obrigaron en repetidas ocasións á interrupción temporal do servizo, á mobilización de persoal técnico para o despexe da vía e á conseguinte alteración dos horarios habituais.
Ao respecto, aludiu a un caso de especial gravidade, ocorrido en xuño pasado, cando a persoa investigada procedeu supostamente á talla dun piñeiro de grandes dimensións co obxectivo explícito de provocar a súa caída directa sobre a infraestrutura, xerando un perigo inminente para a circulación dos trens.
Os axentes do posto do Instituto Armado realizaron a investigación correspondente e localizaron a persoa presuntamente responsable destes incidentes, alén de trasladar as dilixencias ao Tribunal de Instancia de Ortigueira.