Ferrol pide melloras nas frecuencias e nas infraestruturas ferroviarias
O Foro Cidadán polo Ferrocarril marca como obxectivo poder unir Ferrol coa Coruña en 45 minutos
Dous trens a primeira hora da mañá, e outros tres repartidos ao longo da tarde. É o servizo de Renfe que une cada día Ferrol coa Coruña.
"Movémonos en coche porque non temos a frecuencia que quereriamos en tren", din os usuarios.
É a opción que lles queda aos milleiros de viaxeiros que por traballo ou por estudos se moven a diario entre as dúas cidades e as vilas intermedias.
"O enfado da cidadanía non é un invento. Non que queiramos mellorar sobre o aceptable. É que non temos nin o mínimo aceptable", di Fernando Ramos, voceiro do Foro Cidadán polo Ferrocarril.
As demandas dos usuarios serviron de base para elaborar unha proposta de mellora das frecuencias que a plataforma polo ferrocarril lle trasladou a Renfe. Un aumento de cinco a once trens diarios que a compañía ferroviaria acabou rexeitando. Pero a mellora do servizo pasa tamén polo investimento nas vías por parte do Ministerio de Transportes.
"O primeiro é o bypass de Betanzos que só está pendente de que o Consello de Ministros resolva as alegacións. Pero é fundamental que se electrifique a vía Ferrol-A Coruña e A Coruña-Ferrol", asegura Fernando Ramos.
Unhas obras que permitirían cubrir o traxecto entre A Coruña e Ferrol nun tempo de 45 minutos.