Acepta dous anos de cadea por violar unha amiga que tomara ansiolíticos e alcol
O acusado alcanzou un acordo de conformidade coas acusacións
A entrada en prisión queda suspendida, ao non superar os dous anos e ao producirse unha reparación parcial do dano porque pagou a metade da indemnización para a vítima
A agresión sexual xulgada na Audiencia Provincial de Lugo tivo lugar en 2024. Europa Press.
O acusado dunha agresión sexual cometida en Lugo en xuño de 2024 aceptou este luns, ante a Audiencia Provincial de Lugo, unha pena de dous anos de prisión tras alcanzar un acordo de conformidade coas acusacións. A condena contempla tamén unha prohibición de aproximarse á muller a menos de 500 metros durante cinco anos, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo período.
O home, sen antecedentes penais, recoñeceu os feitos e aboou este mesmo luns 6.000 euros dos 12.000 euros fixados como indemnización para a vítima.
A pena de prisión queda suspendida, ao non superar os dous anos e ao producirse unha reparación parcial do dano. O acusado dispoñerá de tres anos para completar o pago da responsabilidade civil, mediante cotas de 200 euros ao mes durante 36 mensualidades. A suspensión queda condicionada a que non volva delinquir e a que faga fronte ao pago da indemnización pendente.
O acordo ten en conta as circunstancias atenuantes de reparación do dano e confesión. Así mesmo, eliminouse a petición de expulsión do territorio español debido ao seu arraigamento.
Os feitos remóntanse á madrugada do 21 de xuño de 2024. Segundo o relato incorporado ao procedemento, o acusado e a vítima atopábanse de celebración pola rúa e consumiran alcol. A muller comezou a atoparse mal e pediulle ao acusado que a acompañase ata o seu domicilio. Con todo, en lugar de levala á casa, o home trasladouna á súa vivenda, onde posteriormente se produciu a agresión sexual.
Segundo o escrito da Fiscalía, a muller atopábase nunhas condicións que lle impedían prestar un consentimento sexual válido debido á inxesta previa de bebidas e de medicación pautada para a ansiedade.
Tras quedaren ambos os dous durmidos, o acusado quitoulle a roupa e mantivo relacións sexuais con ela a pesar de que, segundo a acusación, a vítima expresou verbalmente a súa negativa. A muller conseguiu finalmente abandonar a vivenda e regresar ao seu domicilio, desde onde foi trasladada ao HULA para recibir asistencia sanitaria.
O acusado permaneceu inicialmente en prisión provisional, decretada polo Xulgado de Instrución número 2 de Lugo o 22 de xuño de 2024. Posteriormente, a Audiencia Provincial acordou un mes despois a súa posta en liberdade provisional con medidas cautelares de afastamento e comparecencias periódicas.