Liberdade condicional tras nove anos de cadea para o capitán do Costa Concordia
No naufraxio do buque de cruceiro no litoral da Toscana morreron 32 persoas
Schettino, condenado a 16 anos de prisión, terá que facer servizos comunitarios
O buque afundido nunha imaxe de arquivo
O excomandante Francesco Schettino, condenado a 16 anos de cárcere pola súa responsabilidade no naufraxio do Costa Concordia fronte ás costas da Toscana, no que morreron 32 persoas, quedou en liberdade condicional tras pasar nove anos na cadea.
Este venres abandonou a prisión romana de Rebbibia tras obter a liberdade condicional coa obriga de realizar servizos comunitarios, se ben aínda non se sabe onde os cumprirá, segundo confirmou a súa avogada, Francesca Carnicelli, a medios locais.
A decisión dálle a Schettino maior liberdade que a semiliberdade á que renunciara no 2025, despois das protestas de familiares das vítimas e sobreviventes.
"Na nosa opinión, cumpríronse todos os requisitos para a concesión desta medida alternativa, que representa a correcta continuación do camiño emprendido tras a condena", dixo a letrada nunha declaración difundida na web do diario Grosseto Maremma Ogg.
Carnicelli tamén explicou que o proceso para o seu ingreso nos servizos sociais foi longo e rigoroso.
"A avaliación foi extremadamente positiva por parte de todo o persoal, tanto no que respecta ao comportamento de Schettino como á súa adhesión ás directrices do programa de sancións e reeducación deseñada para el".
Schettino xa recibira permisos polo seu bo comportamento na prisión onde cumpría condena despois de que o Supremo reducira nun mes a pena recibida en primeira instancia polo Tribunal de Grosseto en febreiro de 2015 e ratificada no 2016 polo Tribunal de Apelación de Florencia.
O excapitán do buque Costa Concordia obtivo hai tres anos a oportunidade de traballar en prisión contribuíndo á dixitalización de documentos xudiciais.
Schettino cando o condenaron no 2015. REUTERS
O afundimento
O naufraxio produciuse na noite do 13 de xaneiro de 2012 despois de que a nave, con 4.229 persoas a bordo, partira desde o porto romano de Civitavecchia para emprender un cruceiro polo Mediterráneo.
Ao seu paso pola illa toscana do Giglio, o barco aproximouse para facer un saúdo á costa, seguindo a tradición mariñeira, pero nesa ocasión bateu cos escollos, o que causou o naufraxio.
Mentres as unidades da Garda Costeira italiana acudían ao lugar, a pasaxe abandonaba a embarcación, ladeada e parcialmente mergullada, para alcanzar terra firme no medio dunha gran confusión, en plena noite e no inverno.
Alén da imprudencia do capitán, a sentenza condena sobre todo que Schettino abandonara a nave sen agardar á finalización das tarefas de rescate.