Sufocado en Muíños un incendio forestal que afectou o Parque do Xurés
O lume queimou unha superficie de 0,2 hectáreas, segundo Medio Rural
Arquivo
Os servizos contraincendios conseguiron sufocar este martes pola mañá un incendio forestal declarado o luns á noite en Muíños, en Ourense. Afecta a unha superficie de 0,2 hectáreas situada dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un punto castigado habitualmente polas lapas.
O fogo declarouse ás 21:10 deste luns e contra a media noite quedou estabilizado. A primeira hora quedaba sufocado.
Para a súa extinción mobilizáronse dous axentes, tres brigadas e outras tantas motobombas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, e tamén outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.