A inflación dispárase en setembro ata o 4,9 % pola suba dos carburantes
Os prezos soben seis décimas con respecto a agosto e acadan a taxa máis alta desde febreiro de 2023, segundo o dato adiantado do IPC publicado polo INE
Imaxe de arquivo dunha gasolineira/EP
A inflación disparouse ata o 4,9% en setembro, a taxa máis alta desde febreiro de 2023 (6 %) e seis décimas máis que en agosto, debido principalmente ao encarecemento dos combustibles e lubricantes para vehículos privados e dos paquetes turísticos.
En canto á inflación subxacente (sen ter en conta os prezos de alimentos non elaborados nin de produtos enerxéticos, normalmente máis volátiles que o resto), a taxa de variación anual estimada aumentou dúas décimas, ata o 3, 1%, a máis elevada en dous anos e medio (desde marzo de 2024).
Respecto ao mes de agosto, os prezos de consumo subiron un 0,3 %, a maior subida da taxa mensual da inflación nun mes de setembro desde 2021. Ademais, encadea oito meses con taxas positivas, desde xaneiro deste ano, cando os prezos baixaron un 0,4%, segundo o INE.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes o dato adiantado do índice de prezos de consumo (IPC) de setembro, un mes no que o desconto ao diésel se ampliou a vinte céntimos o litro e o da gasolina baixou a cinco céntimos, tal e como estaba previsto no plan de resposta ao conflito de Irán posto en marcha polo Goberno, que está vixente ata mañá.
En canto aos datos harmonizados para a comparación con Europa, a taxa de variación anual do IPCA foi do 5 % en setembro, catro décimas máis respecto ao mes anterior, e a subxacente situouse no 3,2 %, mentres que a variación mensual estimada é do 0,6%.
As medidas do Goberno para conter a escalada de prezos
En setembro, o desconto ao diésel ampliouse a vinte céntimos o litro e o da gasolina baixou a cinco céntimos, tal e como estaba previsto no plan de resposta ao conflito de Irán posto en marcha polo Goberno e que está vixente ata mañá.
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa lembra que o Goberno aprobou xa dous paquetes de medidas desde o inicio da guerra, o primeiro apenas 20 días despois do estalido do conflito e o segundo no mes de xuño.
As mesmas fontes remarcan que grazas a estas medidas, a inflación chegou a moderarse ata un punto nalgúns meses e os fogares viron compensada ao redor da metade da subida da gasolina e o diésel, alén de que o apoio ao campo e ao transporte axudou a conter o contaxio ao resto de prezos, o que tecnicamente se denomina efectos de segunda rolda.
A maior parte das medidas vence mañá, 30 de setembro, polo que se prevé que o Consello de Ministros aprobe este martes un novo paquete, despois de manter reunións cos axentes sociais e os sectores afectados.