O prezo do petróleo volve escalar ata os 107 dólares tras o peche dun oleoduto en Arabia Saudita
O Brent, de referencia en Europa, sobe máis dun 2,3 %
Riad pechou o oleoduto tras os ataques perpetrados por Iraq o xoves pola mañá
Oleoduto de Arabia Saudita atacado por Irán (Reuters)
O prezo do petróleo Brent, de referencia en Europa, subía máis dun 2,3 % antes da apertura das bolsas europeas, ata situarse en 107 dólares por barril, tras o peche temporal do oleoduto Leste-Oeste de Arabia Saudita anunciado este sábado. Pola súa banda, o prezo do petróleo West Texas Intermediate (WTI), de referencia nos EUA, subía máis dun 2,4 %, ata os 102,5 dólares por barril.
O oleoduto saudita Leste-Oeste sufriu varios ataques durante a mañá do xoves nas rexións de Riad e Medina, perpetrados desde Iraq, que levaron a Arabia Saudita a declarar este sábado o seu peche preventivo. Esta infraestrutura permite trasladar petróleo desde os xacementos situados no leste de Arabia Saudita ata as instalacións de exportación de Yanbu, na costa do mar Vermello.
A importancia desta vía foi en aumento desde o comezo da guerra entre os Estados Unidos e Irán e por mor do peche do Estreito de Ormuz, pois Arabia Saudita utilizou o oleoduto para desviar ao redor de cinco millóns de barrís diarios de cru que, noutras circunstancias, sairían desde terminais situadas no golfo Pérsico.
Constituíuse como unha alternativa estratéxica á ruta marítima por Ormuz e permitiu manter unha vía de saída para parte da produción petroleira saudita cara aos mercados internacionais sen depender do estreito.
Como consecuencia do peche temporal desta infraestrutura e do agravamento das tensións en Oriente Próximo, con novos ataques a petroleiros esta fin de semana, o Brent volveu tocar máximos de catro meses. As accións militases entre Washington e Teherán van en paralelo coa campaña de sancións dos Estados Unidos destinada a asfixiar a economía iraniana e illala dos mercados internacionais e o sistema financeiro global.
Trump pretende facerse co petróleo iraniano
O presidente dos EUA Donald Trump expuxo este domingo a posibilidade de quedar en Irán e apropiarse do petróleo, como en Venezuela, en lugar de repregar as forzas norteamericanas despregadas ao redor da República Islámica tras unha hipotética fin da guerra, que na última semana insistiu en situar ao redor das eleccións de medio mandato estadounidenses, previstas para o próximo 3 de novembro.
"Ao final, marcharemos. A menos que decidamos quedar e apropiarnos do petróleo, como en Venezuela", declarou ante os medios de comunicación reunidos ante a súa visita ao Irish Open de golf, celebrado en Doonbeg, na costa occidental de Irlanda.
O inquilino da Casa Branca insinuou este escenario despois de ser preguntado acerca dunha reunión planeada inicialmente para este luns entre os países do Consello de Cooperación para os Estados Árabes do Golfo, Iraq e Irán.
O encontro, que ía ter lugar na cidade de Salalah, no sur de Omán, foi finalmente suspendido, segundo informou en redes o ministro de Exteriores omaní Badr Al Busaidi. Tamén o Ministerio de Exteriores qatarí o confirmou, alegando que o obxectivo de pospoñer a reunión é garantir as condicións adecuadas para un diálogo construtivo que propicie acordos sostibles e apoien a seguridade e a estabilidade rexionais e satisfagan, ao mesmo tempo, as aspiracións dos pobos á cooperación e a paz.
Neste escenario de incerteza sobre o comportamento da inflación e a alza do petróleo, as bolsas asiáticas rexistran este luns caídas xeneralizadas. O Nikkei xaponés cede case un 0,9 %, mentres que o Kospi da Bolsa de Seúl baixa case un 3,5 % e a Bolsa de Xangai retrocede un 0,2 %. O único que se salva é o índice Hang Seng de Hong Kong, que a pouco menos dunha hora da apertura das bolsas en Europa sobe un 0,3 %.