Cociña de aproveitamento contra o desperdicio alimentario
Reutilizar as sobras en novos pratos favorece o aforro e evita que a comida acabe no lixo
O desperdicio alimentario reduciuse un 20% desde 2020, pero cada ano aínda tiramos ao lixo unha media de 24 quilos de comida por persoa. A batalla contra as sobras está nos fogares e chámase cociña de aproveitamento. Ten un comodín indiscutible, as croquetas, pero as posibilidades para evitar que a comida acabe no lixo son case infinitas. O pan reseso, por exemplo pode alegrar unha sobremesa.
"Podemos facer unhas torradas cun pouco de leite, canela e azucre. Acompañámolas cun pouco de xeado e saen moi ricas", explica Ricardo Ventura, propietario de restaurante Ricardo, na Coruña.
Unha sopa ou un bo salpición son opcións nutritivas e saborosas para aproveitar o peixe que sobra.
"Esmiuzas o peixe despois de quitarlle a espiña e faslle unha vinagreta con pemento vermello, pemento verde, tomate, aceite de oliva virxe extra e un chorriño de vinagre e queda un salpicón marabilloso", asegura.
Cada vez tiramos máis da cociña de aproveitamento nos fogares. E cada vez hai máis familias que optan por cociñar un día o que han comer durante toda a semana. É o que coñece como Batch Cooking. Caldos, guisos, cremas e carnes son boas opcións se optamos por conxelar.