A comida preparada chega ao 85 % dos menús e máis empresas meten a culler no negocio
Segundo o Ministerio de Alimentación o consumo de alimentos precociñados en España medrou un 5 %
Compañías especializadas ou de cociña tradicional constatan un aumento da demanda
Os datos poñen a realidade sobre a mesa. A comida preparada ferve na alimentación española.
As cifras do último informe do Ministerio de Alimentación xa apuntaban que o consumo deste tipo de produtos aumentou un cinco por cento no último ano. Agora, a Asociación de Fabricantes y Distribuidores (Aecoc) asegura que os precociñados xa están presentes "de xeito habitual" no menú do 85 % dos consumidores, máis aínda entre a poboación máis nova. Por iso, máis empresas meten a culler neste negocio.
"Isto é todo a base de proteína vegana, restos de trigo e sabor a queixo", describe Verónica Villar mentres prepara as novas croquetas que Vanetta Food, unha pequena empresa de Nigrán, vai lanzar ao mercado en cuestión de días.
Porque a tendencia avanza tanto na comida tradicional, ben sexan pratos para recoller ou para recibir na casa, como nos precociñados que se mercan no supermercado case listos para degustar.
O Ministerio di que os consumidores valoran sobre todo tres factores: rapidez, prezo e que sexan alimentos saudables.
"Eu intento cociñar na casa pero esta vez cadrou que traballo pola noite e isto é o que vou almorzar e agora mesmo poñerme a cociñar non me apetece moito", explica un cliente que acaba de facer un pedido en Alalimón, un negocio de comida caseira para levar no centro de Vigo.
"A xente adoita repetir, si. Algúns veñen a diario, outros máis esporadicamente", asegura Luísa García, a vendedora que atende o mostrador en Alalimón.
"A xente o que máis quere é produto saudable, non con moita graxa, non con moita fritura, é o que máis demanda", completa Santiago Alonso, cociñeiro e fundador do negocio.
E así día a día novas propostas van chegando ao mercado. O sector camiña cara ao que se denomina "quinta gama", alimentos completamente preparados que se poden consumir directamente ou que só hai que quentar na casa. É precisamente a última aposta de Vanetta Food, que tamén está preparando o lanzamento da súa primeira gama de produtos completamente cociñados.
"Que sexan só quentar e comer, van ir na canle dos conxelados e listo", avanza Manuel Vila, o director de Calidade desta premiada empresa de Nigrán.
Só haberá que quentalos no microondas. Sairán á venda antes de fin de ano.