De que viven as xeaderías polo inverno?
Algunhas deixan de vender xeados, pero outras seguen ofrecéndoos xunto con outros produtos, como café, chocolate ou gofres
Coa baixada das temperaturas, descende tamén o consumo de xeados. As xeaderías adoptan, daquela, distintas estratexias de negocio. Algunhas deixan directamente de vender este produto para ofrecer outros máis acordes co tempo.
"O xeado empeza en Semana Santa e termina despois do San Froilán. Logo, de outubro a marzo ou abril vendemos máis doces e bolería, 'panpizzas', napolitanas...", sinala Patricia Rodiño, empregada de Parada Dulce en Lugo.
Pero a maioría das xeaderías seguen ofrecendo xeados, compaxinando as súas vendas coas doutros produtos.
"Saída segue tendo. Si que é certo que se vende un pouco menos, pero o que pasa é que o podemos acompañar con café quentiño nun 'affogato', ou con chocolate, cun gofre ou cunha 'crêpe', que son outras formas de comer o xeado que dá gustiño. Si que baixa un pouco a venda, pero seguimos vendendo tanto polo verán como polo inverno", afirma Nerea Ciruelos, empregada da xeadería artesanal Fiordilatte.
"Substituímos a venda de xeado por produtos quentiños, salgados e doces. Véndese moito máis 'snack' ao entrarmos no curso escolar, xa que os rapaces cambian os seus hábitos de compra. No outro negocio que teño, no centro comercial As Termas, como a temperatura é máis estable, pois o xeado séguese vendendo todo o ano. Baixa un pouquiño a venda, iso si, pero é bastante boa", engade Manuel López, xerente da tenda de lambetadas Ray de Lugo.
Un doce para algúns estacional, pero que a outros lles presta durante todo o ano.