Os veciños da Estrada viaxan no coche eléctrico de uso público do Concello
O alugueiro do vehículo custa cinco euros a hora ata un máximo de 20 diarios
O servizo conta con máis dun cento de usuarios habituais
Nieves sobe por primeira vez a un coche eléctrico para probar este servizo municipal de alugueiro do concello da Estrada.
"É moi bonito. Está moi ben pero vai estar moi solicitado", di.
Máis de 125 veciños son usuarios habituais deste vehículo que ofrece unha alternativa de mobilidade sostible no rural. Algunhas mañás o coche está reservado para uso do departamento de Servizos Sociais.
"Reservámolo a través dunha aplicación, sobre todo os luns, os xoves e os venres pola mañá que é cando temos visitas a domicilios", conta Rocío.
Este é o cuarto vehículo que estrea a localidade pontevedresa desde a posta en marcha deste proxecto. Ten unha autonomía de 400 quilómetros por cidade e 350 por estrada.
"Está funcionando moi ben, xa levamos tres anos con este modelo adaptado a demanda. Pódese replicar en calquera concello de Galicia".
"Moitas veces as liñas de bus teñen uns horarios determinados e non chegan a todos os recunchos do noso concello. Este servizo o que fai é que pode chegar a calquera horario", di Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada.
Un contrato entre a empresa Hyundai e Administración Local permite desenvolver esta iniciativa innovadora.
"Esta é unha acción de responsabilidade social que temos, porque consideramos que nas zonas onde traballamos, temos que dar un pouco de retorno".
"Agora mesmo é o único que hai en Galicia e en España hai uns corenta", explica Sergi Sánchez, xerente de Hyupersa.
"Por cinco euros hora, un máximo de vinte ao día, di o alcalde.
Feita a viaxe, o usuario estaciona o vehículo e cárgao, listo para seguir rodando.