A inmobiliaria estatal Casa 47 oferta vivendas de alugueiro accesible en Galicia desde o sábado
A entidade pública incorpora 442 pisos, dos que 104 están na nosa comunidade
As inscricións poderán realizarse ata o 26 de novembro enchendo o formulario de solicitude en liña
O Ministerio de Vivenda sinalou que, antes de que acabe o ano, sumaranse un milleiro máis de vivendas ao portal
A entidade pública estatal de vivenda Casa 47 incorporou ao seu portal inmobiliario un total de 442 novas vivendas de alugueiro accesible en seis comunidades autónomas que estarán dispoñibles na web a partir deste sábado, 7 de novembro. Do global, 104 están en Galicia, segunda comunidade con maior cifra.
Por provincias, na provincia de Lugo hai 67, todas elas no municipio de Monforte de Lemos. Na Coruña hai 27 vivendas: Teo (9), Miño (8), Malpica (4), Ares (3) e unha en Ferrol, Arteixo e Cedeira. E a decena restantes están na provincia de Pontevedra, nove delas en Poio e unha en Lalín.
Do total en España, 109 están en Murcia, a Comunidade Valenciana suma 86, Cataluña engade 73, en Castela-A Mancha 63 e no Principado de Asturias hai sete novas vivendas. Os prezos oscilan entre os 350 e os 1.210 euros mensuais.
As vivendas desta nova convocatoria, que se suman ás 807 de anteriores convocatorias, estarán dispoñibles no portal.casa47.es a partir deste sábado, 7 de novembro, e as inscricións poderán realizarse ata o próximo 26 de novembro enchendo o formulario de solicitude en liña.
Os alugueiros destas vivendas axustaranse ao modelo de accesibilidade, estabilidade e transparencia de CASA 47, con prezos por baixo do 30 % dos ingresos de cada fogar, contratos de ata 75 anos e procesos de adxudicación fiables mediante sorteo ante notario. O Ministerio de Vivenda sinalou que, antes de que acabe o ano, sumaranse un milleiro máis de vivendas ao portal.