Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán chega lanzado ao duelo co Barça nunha fin de semana clave para os tres galegos da ACB

O Breogán chega lanzado ao duelo co Barça nunha fin de semana clave para os tres galegos da ACB

O Obradoiro busca reaccionar en Manresa tras o golpe do derbi

O Leyma Coruña recibe o Andorra coa confianza recuperada

Foto Breogán
G24.gal 06/11/2026 15:49 Última actualización 06/11/2026 15:57

O baloncesto galego afronta unha nova xornada na Liga Endesa coa confianza reforzada polo protagonismo dos seus tres representantes. O Río Breogán, o Monbus Obradoiro e o Leyma Coruña volverán poñer a proba as súas aspiracións nunha tempada histórica, na que Galicia recuperou a presenza de tres equipos na máxima categoría do baloncesto 32 anos despois.

O gran protagonista da actualidade é o Río Breogán. O conxunto lucense chega á sétima xornada despois de asinar unha contundente vitoria no derbi galego ante o Obradoiro (90-110), nun encontro no que exhibiu o seu potencial ofensivo e a súa capacidade para castigar desde o perímetro. Os de Luis Casimiro resolveron boa parte do partido cun espectacular parcial de 6-23 no inicio do terceiro cuarto.

A exhibición en Fontes do Sar confirmou as boas sensacións dun equipo que xa superou a barreira dos cen puntos en varios encontros desta campaña. Agora agárdalle unha proba de máxima esixencia: a visita ao Palau Blaugrana para medirse ao Barça, este domingo ás 12:00 horas. O Breogán tamén reforzou o seu xogo interior coa incorporación do pivote Amida Brimah, ante a baixa temporal de Aleksa Ilic.

"Se noso nivel é o do Unicaja ou o do Barça, toleamos".

"Non creo que teña que ser ningunha proba, nin medir nada".

O Monbus Obradoiro afronta a seguinte xornada coa intención de deixar atrás a derrota ante o seu eterno rival. O equipo compostelán, que non puido frear o vendaval ofensivo lucense, necesita recuperar a solidez defensiva e a regularidade que amosara nas primeiras semanas da competición.

Os de Diego Epifanio ocupan unha posición intermedia na clasificación e presentan un balance de tres vitorias e tres derrotas. A súa próxima cita será este sábado, ás 18:00 horas, na pista do Manresa, un rival que aínda non coñece a vitoria nesta Liga Endesa. Unha oportunidade para recuperar confianza e evitar que a derrota no derbi marque a dinámica do equipo.

"A miña misión é axudar os meus xogadores. Se optamos por traer un melón, adestro un melón". 

Pola súa banda, o Leyma Coruña chega á sétima xornada nun bo momento despois de superar o A Laguna Tenerife por 93-89 na última xornada. O conxunto herculino demostrou que pode competir na elite e que a súa intención de consolidarse na categoría vai máis alá dunha simple declaración de intencións.

O equipo de Carles Marco terá unha nova oportunidade para sumar diante da súa afección. Recibirá o MoraBanc Andorra este domingo ás 18:00 horas no Coliseum, nun encontro importante para seguir acumulando vitorias e afastarse da zona baixa da clasificación.

"Hai que estar concentrado os 40 minutos. Só gañou un partido pero competiu en todos"

Con tres escenarios diferentes, pero cun obxectivo compartido, os representantes galegos afrontan unha nova fin de semana de competición coa intención de confirmar que o baloncesto galego ten argumentos para seguir sendo protagonista na ACB.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade