Fóra de Galicia, o mexillón "varre" o polbo
As empresas do sector mar-industria buscan fórmulas para responder aos novos hábitos de consumo
O leste de Europa, A China e os Estados Unidos, mercados prioritarios para a industria conserveira
Se lle preguntamos a alguén de fóra de Galicia, cal é a conserva máis vendida, a resposta case sempre apunta ao polbo. Pero o rei indiscutible é outro. O mexillón e a sardiña son as conservas galegas máis vendidas no estranxeiro. En Galicia contamos cun imán único: o Camiño de Santiago. É unha marca global que atrae millóns de persoas e posiciona Galicia no mapa internacional.
Detrás dese tirón hai un sector mar-industria vital para a nosa economía. Galicia concentra máis do 80 por cento da produción de conservas e mariscos de toda España. Pero o futuro non pasa por producir máis. Din os expertos que pasa por entender os novos hábitos de consumo. Formatos individuais e listos para comer para un consumidor que busca rapidez e calidade. E aí a marca Galicia é un verdadeiro escudo.
"Traslada un argumentario baseado na autenticidade", di Jaime Palafox, experto no sector agroalimentario.
Expertos do clúster alimentario de Galicia avogan por abrir novos mercados. Os Estados Unidos e a China si, pero o mundo está a ofrecer outras oportunidades. "Países de Europa do leste coma Polonia e Romanía son países emerxentes que poden ser un mercado para produtos gourmet coma os nosos", sostén Iago Conde, o CEO de Real Conservera Española.
Aconsellan vender, sobre todo, a orixe e unha experiencia. A imaxe dos franceses co viño ou os italianos coa comida.