Consumo considera especialmente vulnerables os menores pola sobrexposición á Internet
A Nova Estratexia Galega de Protección das Persoas Consumidoras subliña que o incremento das compras en redes comporta novos riscos para os nosos dereitos
Persoas maiores con poucas ferramentas no mundo dixital, pero tamén menores que sen sabelo, por exemplo, fan compras en videoxogos coas tarxetas prepago do móbil. O algoritmo fainos vulnerables porque coñece perfectamente os nosos gustos e necesidades, e por iso é a propia Unión Europea a que advirte dos riscos para a saúde mental, da adicción ás compras por Internet.
"A nova estratexia que presentamos inclúe información e formación, para eles e para os seus pais. Temos que saber como é o novo mercado, este novo mundo ao que nos enfrontamos onde a IA pode predicir os teus gustos e ofrecer produtos personalizados para facer que ti te comportes dun determinado xeito", explicou Sol Vázquez, a xerente do Instituto Galego do Consumo e a Competencia.
Son algúns dos asuntos que se tratan na xornada de presentación da Nova Estratexia Galega de Protección do Consumidor, que establece o marco para preservar os nosos dereitos nos próximos anos.
"Ten como obxectivo fundamental protexer aos consumidores e usuarios e poñendo o foco nas persoas vulnerables, dicía antes nas persoas maiores e os menores e facer fronte aos riscos do mercado dixital", declarou José González, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración.
Lémbranos que ante os produtos de Internet que veñen de terceiros países o consumidor ten os mesmos dereitos, e que son os mesmos os requisitos en calidade e seguridade. A nova estratexia inclúe accións formativas e tamén de fomento do consumo responsable de proximidade nas prazas de abastos e o comercio local.
A Nova Estratexia Galega de Protección do Consumidor establece o marco para preservar os nosos dereitos nos próximos anos