O aeroporto da Coruña incorpora con Volotea rutas a Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacant
Os destinos comezarán a operar de xeito progresivo, con dúas frecuencias semanais durante a tempada de inverno que se reforzará no verán
Volotea vía Europa Press
O aeroporto da Coruña incorporou, a través da compañía Volotea, novas rutas, en concreto a Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacant.
"Presentamos unha aposta polo crecemento, pola mobilidade, pola actividade económica e pola proxección exterior da nosa cidade", indicou a alcaldesa herculina, Inés Rey, coincidindo co inicio da actividade.
Nunha comparecencia ante os medios, a rexedora cualificou de "imprescindible" ter boas conexións e asegurou que, a través do Consorcio de Turismo, se leva "anos traballando para reforzar o papel estratéxico do aeroporto de Alvedro".
Pola súa banda, Gabriel Schmilovich, director de Estratexia de Volotea, destacou o "regreso" a este aeródromo "con cinco novas rutas" de cara, ademais, a "reforzar a presenza" da compañía en Galicia.
Sobre as rutas, comezarán a operar de xeito progresivo, con dúas frecuencias semanais durante a tempada de inverno e que se reforzará no verán. En concreto, as novas rutas comezarán a operar a partir deste venres, 6 de novembro, cos primeiros voos a Bilbao, Málaga e Valencia. Mañá, 7 de novembro, sumarase a conexión con Sevilla, mentres que os voos a Alacant arrincarán o próximo 2 de decembro.
"Pasamos de seis a once destinos directos", remarcou a rexedora herculina, que precisou que nove deles serán nacionais, todo iso coa recuperación de conexións "moi demandadas".