Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os aeroportos galegos rexistran medio millón de pasaxeiros menos nos 8 meses de 2026

Os aeroportos galegos rexistran medio millón de pasaxeiros menos nos 8 meses de 2026

Unha das causas do descenso foi o peche do aeródromo Rosalía de Castro da capital galega 

As terminais de Santiago e Vigo tiveron un descenso de usuarios en agosto mentres que a da Coruña experimentou un ascenso 

Aeroporto Rosalía de Castro. Turismo de Santiago Aeroporto Rosalía de Castro. Turismo de Santiago
G24.gal 15/09/2026 18:43

Os tres aeroportos galegos rexistraron 3,2 millóns de pasaxeiros nos oito primeiros meses deste ano, o que supón unha perda de máis de medio millón de viaxantes respecto ao ano anterior, con base en datos divulgados este martes pola firma xestora Aena.

Segundo Aena, polos aeródromos de Galicia pasaron de xaneiro a agosto 3.245.277 pasaxeiros e 2.661 toneladas de carga, aínda que non indica comparación algunha con anos anteriores.

Nos oito primeiros meses de 2025 os tres aeródromos galegos rexistraron uns 3,8 millóns de pasaxeiros, lixeiramente por baixo dos 3,9 millóns rexistrados no mesmo período de 2024.

A baixada débese en parte ao peche de Santiago

O descenso da actividade obedece en parte ao peche durante un mes este ano do aeroportos de Santiago de Compostela para reparar a pista e outras instalacións e tamén ao abandono da base nese aeródromo de tres avións da aeroliña de baixo custo Ryanair, cuxos dirixentes reclamaban un descenso de taxas para manterse.

Polo aeroporto Rosalía de Castro da capital galega pasaron en agosto deste ano 308.945 pasaxeiros, un 10,7% menos que no mesmo mes de 2025, precisa Aena no seu informe mensual, e engade que tamén transitaron 259 toneladas de mercancía, ao contabilizar en total 2.171 voos.

Caída importante na terminal viguesa 

Tamén a caída foi elevada no aeródromo vigués de Peinador, onde houbo en agosto 101.011 pasaxeiros, un 9,5% menos que no mesmo mes de 2025, cun tránsito de 1.175 aeronaves e 29 toneladas de mercancías.

No aeroporto coruñés de Alvedro, en cambio, houbo en agosto 112.122 pasaxeiros, un aumento de 4,3% respecto ao mesmo mes de 2025), cun total 1.881 operacións de aeronaves e un tránsito de 0,6 toneladas de mercancía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade