Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta promete unha solución rápida para 23 empresas de Mos que piden solo para crecer

A Xunta promete unha solución rápida para 23 empresas de Mos que piden solo para crecer

Compañías de toda Galicia aseguran que non poden ampliar a actividade por falta de espazo

A demanda de solo repítese noutros lugares e algunhas empresas buscan sitio en Portugal

G24.gal 30/10/2026 14:46

Son un tesouro. Un gran taller de camións ocupará unha das últimas parcelas dispoñibles no polígono da Veigadaña, en Mos. Inaugurado en 2014, hoxe alí apenas queda solo libre. Varias das empresas instaladas no parque non atopan o sitio que necesitan.

"Estamos buscando solo para unificar as nosas instalacións. Estamos crecendo necesitamos ese solo que non encontramos", asegura David Gómez, o xerente da empresa de loxística Vía Galicia, que arestora ten repartida a súa actividade en tres naves en Vigo e en Mos.

Por iso, vinte e tres empresas acudiron a un encontro coa Xunta e o Concello organizado pola Asociación de Empresarios de Mos. Varias alertan de que necesitan espazo xa, inmediatamente, para poder levar adiante os seus proxectos.

O Goberno local asegura que en breve poderán empezar as obras de ampliación doutro dos polígonos do municipio, o da Arrufana.

"Temos posibilidades, temos camiños andados, temos proxectos a curto prazo, outros a medio prazo...", afirma a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

A demanda de solo empresarias repítese por toda Galicia. Nos últimos meses escoitáronse reclamacións semellantes en Lalín, en Santiago ou en Nigrán. Hai anos que algunhas empresas empezaron a buscar solucións no norte de Portugal.

A Xunta compromete a creación de doce millóns de metros cadrados de superficie empresarial antes de 2030. E en determinados casos, con trámites rápidos.

"Esas figuras de aceleración administrativa máis o desenvolvemento de solo con esa aceleración implica que actualmente sexamos unha alternativa de solo mellor respecto do que se ofrece en Portugal", asegura a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

En Mos, a asociación de empresarios fixo unha enquisa. O noventa e seis por cento afirma que non pode crecer por falta de espazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade