OPINIÓN
Unha despedida e un dilema, por María Bastida
Onte en Frankfurt tocaba falar de tipos de xuro, pero ao final falouse, sobre todo, dunha despedida. Christine Lagarde anunciou que deixará a presidencia do Banco Central Europeo o 7 de febreiro, nove meses antes do previsto. Lagarde explicou que quere ter máis liberdade para opinar sobre outras cuestións, pero a ninguén lle escapa que a súa saída anticipada permite negociar a sucesión antes das eleccións presidenciais francesas de abril. É dicir, mentres Macron siga no Elíseo. Coa incerteza política que vive Francia, parece que algúns prefiren deixalo todo ben atado, por se acaso. Porque ata as institucións deseñadas para funcionar con total independencia teñen que xestionar as consecuencias da incerteza política.
Ante este anuncio, a noticia que agardabamos (a que nos toca o peto) pasou case desapercibida. O BCE mantén os tipos no 2,5 %, algo que debemos interpretar máis como unha pausa ca como un sinal de tranquilidade. A inflación está no 3,8 %, case o dobre do obxectivo do BCE, e a enerxía segue a encarecerse pola guerra de Irán, o cal resume o dilema que levamos meses vendo: se o BCE sobe os tipos, pode axudar a frear os prezos, pero tamén prexudicar unha economía que xa está a sufrir polo encarecemento da enerxía. E, se non os sobe, corre o risco de que a inflación acabe por estenderse ao resto dos prezos. Unha decisión bastante máis complicada do que parece.
Así que temos un BCE cunha presidenta que marcha, unha inflación que non acaba de ceder e unha economía que tampouco está para moitos sobresaltos. E, por certo, entre os posibles sucesores de Lagarde está o español Pablo Hernández de Cos, exgobernador do Banco de España. Quen sabe. Se cadra, dentro duns meses estamos comentando estas decisións cun español á fronte do BCE.