OPINIÓN
Winter is coming, por María Bastida
Se esta semana enchiches o depósito, xa o sabes. E se non, cóntocho eu. Os prezos volveron subir. Están un 4,3 % por riba de hai un ano, o nivel máis alto en tres anos.
Pero antes de que ninguén se poña nervioso, convén lembrar por enésima vez que boa parte do problema vén dese famoso corredor marítimo de apenas trinta e nove quilómetros de ancho, alá no Golfo Pérsico. O condenado Estreito de Ormuz, convertido desde este verán nun dos puntos quentes do planeta. Un conflito a seis mil quilómetros que explica boa parte do que marca o surtidor do barrio.
E onde o imos notar? Primeiro, na enerxía. O gas encareceuse moito estes meses e Europa chega ao inverno coas reservas máis baixas do habitual. É certo que a factura depende do mercado e do contrato que teña cadaquén. Pero se o gas segue caro e chega un inverno frío, temos bastantes papeletas para pagar máis por quentarnos.
Segundo, a hipoteca. Cando a enerxía empurra os prezos cara a arriba, o Banco Central Europeo ten menos marxe para baixar os tipos e pode mesmo verse obrigado a mantelos altos durante máis tempo. Iso acaba chegando ao euríbor e, de aí, ás hipotecas variables. Non significa que mañá vaia subir automaticamente a cota de todo o mundo. Pero a moitas familias que teñan revisión este outono pode tocarlles pagar algo máis. É dicir, que un problema no Golfo Pérsico pode acabar aparecendo meses despois no recibo do banco. Está todo bastante máis conectado do que parece.
E terceiro, o súper. Moitas veces o tomate non custa máis polo tomate, senón porque custa máis producilo, conservalo e traelo. A enerxía é, no fondo, o prezo de mover as cousas. Case todas as cousas.
Ata onde pode chegar? Pois podemos pensar na diferenza entre febre e infección. A febre aparece de golpe, asusta moito e pode desaparecer relativamente rápido. A infección esténdese. Agora mesmo temos unha febre enerxética. O perigo sería que se contaxiase ao resto da economía, aos alugueiros, aos seguros, aos servizos, aos salarios. Iso foi o que pasou despois da crise enerxética de 2022 e iso si que é difícil de eliminar. A boa noticia é que, polo de agora, a inflación de fondo está máis contida. A subxacente baixou ao 2,9 %. É dicir, o golpe enerxético está aí, pero aínda non parece terse estendido coa mesma intensidade ao resto dos prezos.
Así que, ata onde van subir os prezos? A resposta sincera é que non depende demasiado da economía. Depende dunha guerra. E a parte que máis preocupa pode chegar este inverno.