Os transportistas din que a suba dos prezos impulsa os roubos de gasóleo
Unha empresa de Mos sufriu dous roubos nos seus camións en menos dunha semana
Os empresarios reclaman áreas de servizo pechadas para deixaren os vehículos en tránsito e maior vixilancia
As cámaras de seguridade colléronos na allada. Unha mesma empresa de Mos viu, a través das gravacións, como uns ladróns roubaban gasóleo dos seus camións dúas veces en menos dunha semana. Os delincuentes chegaron de noite cunha furgoneta e baleiraron os depósitos de dous vehículos aparcados no exterior da nave.
Cada tanque pode ter entre cincocentos e seiscentos litros. Os empresarios do transporte din que xa o viviron outras veces: cando se disparan os prezos dos combustibles, como agora, aumentan os roubos.
"Nos supermercados teñen que pechar o whisky e o aceite de oliva cando están a dez euros e aquí pasa igual. Cando sobe, efectivamente hai máis roubos", confirma cunha pinga de retranca Ramón Alonso, propietario de Dalot, a empresa afectada esta vez, e presidente de Asetranspo, a Asociación de Empresas de Transporte e Excavacións da provincia de Pontevedra.
Moitos camións levan depósitos con chave, como os dos turismos, pero dende hai algún tempo os ladróns afacéronse a perforar os tanques para substraer o combustible. Iso supón un prexuízo dobre para os empresarios porque logo teñen que reparar as cisternas. Algunhas compañías foron a máis e decidiron instalar depósitos con alarma, pero o sistema chega a custar ata cincocentos euros por camión.
"Este sistema antirroubo leva sensores e ao tocar ou manipular o tapón salta unha alarma", explica Antonio Fernández, do grupo Norfrío.
Hai anos que o sector reclama outra medida de seguridade: que se creen zonas de estacionamento pechado para os camións que van en tránsito. Moitas empresas teñen recintos propios para deixar os vehículos polas noites ou as fins de semana pero os transportistas que andan en ruta non atopan lugares con garantías para facer paradas.
"Ten que haber un sitio, que levamos pedindo dende hai trinta anos, para a xente que vén aquí e ten que pernoctar", lembra ó presidente de Asetranspo, Ramón Alonso.
"Se ti vas pola autovía A-52 de Vigo a Benavente, non hai ningunha área de servizo. Son saídas, onde hai unha gasolineira pero non son áreas de servizo acotadas, pechadas", completa Antonio Fernández, de Norfrío.
Tralos últimos roubos en Mos, a Garda Civil deu cos supostos responsables. Días despois dos feitos interceptaron en Moaña unha furgoneta cargada de garrafas de combustible. Tirando do fío, os axentes souberon que era o gasóleo que roubaran en Mos. Hai catro homes detidos e investigan se puideron cometer máis roubos.