Un bar do barrio coruñés dos Mallos sofre o sexto roubo nos últimos tres anos
O ladrón fíxose coa caixa rexistradora, pero dentro non había cartos
Os danos materiais ascenden aos dous mil euros
O ladrón rebenta un dos cristais do bar O'Laxe, no barrio coruñés dos Mallos, e vai directo á caixa rexistradora. Rouba o caixón e, sen perder un intre, sae.
"Atopouse con que non había nada. Deixouno detrás dun edificio e atopouno a Policía. E ata deixou os papeis", explica Antonio Pérez, o propietario do bar.
Aconteceu na madrugada deste xoves e é o sexto roubo que sofre nos últimos tres anos.
"Que lle vas facer? Por iso agora xa vou poñer unha reixa. O anterior foi o 9 de xuño...", engade Pérez.
Un novo asalto ao que Antonio ten que facer fronte. Segundo se ve nas imaxes da cámara de seguridade, o ladrón non investiu nin medio minuto en roubar, pero si deixou importantes danos materiais.
"Este cristal vale 500 euros, pero o que vou poñer xa custa máis de mil. E a caixa rexistradora... a ver se a paga o seguro senón tereina que pagar eu e son outros 200 euros. E o seguro... empecei pagando 80 euros e agora xa 160. E este ano vanme subir outra vez. Se non me botan fóra. Que lle vas facer? Aguantar. Non queda outra. Se segue así, haberá que pechar e punto. E teño sete empregados..", conclúe o propietario do negocio.
A Policía achegouse ao negocio para coller pegadas e xa abriu unha invesigación.