Dous investigados por roubar nun campo de fútbol de Sanxenxo e fuxir de dous controis de tráfico
Son dous veciños de Vilalonga, de 39 e 42 anos, e teñen amplos antecedentes policiais e xudiciais
Garda Civil
A Garda Civil de Sanxenxo investiga dous homes como presuntos autores dun delito de roubo con forza no campo de fútbol do Revel, en Vilalonga, e fuxir en dous controis de tráfico.
Segundo indicou o Instituto Armado nun comunicado, os homes son dous veciños de Vilalonga, de 39 e 42 anos respectivamente, e teñen amplos antecedentes policiais e xudiciais.
A investigación comezou tras unha denuncia presentada por responsables da entidade deportiva que detectaron que, na madrugada do 15 de agosto, unha ou varias persoas descoñecidas accederon ao recinto deportivo.
Unha vez alí, dirixíronse a un local destinado a depósito de material deportivo, fracturaron o cristal de acceso e leváronse diversos efectos. O valor do subtraído, unido aos danos ocasionados, supera os 1.500 euros.
Durante a inspección ocular, practicada pola Garda Civil de Sanxenxo, os axentes localizaron no interior da estancia a maneta dunha das portas dun vehículo, que tiña na parte interna inscricións relativas a unha marca e modelo concreto.
Os axentes, ante os arañazos que presentaba a peza, consideraron que o vehículo podería sufrir un accidente e, tras diferentes pescudas, determinaron que un coche de similares características, e con danos no lateral dereito, protagonizara nesa mesma madrugada dous episodios de fuga de controis de tráfico.
Os axentes localizaron e interceptaron aos ocupantes do vehículo que foron investigados por delitos relacionados con conducir cunha taxa de alcol superior á permitida e baixo a influencia de drogas. Durante a investigación, os axentes puideron constatar que, no momento de ser interceptados por segunda vez, os ocupantes do vehículo cometerían previamente o roubo no campo de fútbol.
Isto foi constatado despois de comprobar que a maneta atopada durante a inspección ocular correspondía co vehículo interceptado despois de saltarse os controis preventivos. Ademais, as lesións que presentaba un dos implicados eran compatibles coa fractura do cristal do recinto deportivo.
As dilixencias instruídas polo presunto delito de roubo con forza foron postas en coñecemento do Tribunal de Instancia deCambados, onde deberán comparecer os presuntos autores cando sexan citados para iso.