OPINIÓN
O descubrimento do século, por María Bastida
Ollo ao dato, que dicía un vello xenio das ondas. Os bancos centrais acaban de facer un gran descubrimento. O gasóleo é caro. Agárrense. O que vostedes ven cada vez que enchen o depósito, agora tamén o viron en Londres e en Frankfurt. O gobernador do Banco de Inglaterra explicouno esta semana cunha frase para gravar en mármore: “non consumimos barrís de petróleo. Consumimos o que sae deles”. Menos mal que alguén o aclarou. Porque seguro que vostedes e máis eu, que levamos toda a vida botando gasóleo e non cru, non nos decataramos.
Durante décadas, para seguir a inflación enerxética mirabamos sobre todo para o barril de petróleo. Se o cru afrouxaba, respirabamos. Pero desde a crise de Ormuz, o barril vai e vén coma unha gaivota detrás dun pesqueiro: setenta dólares, cento vinte, volta a baixar. E o gasóleo, mentres tanto, ao seu. Cando o cru sobe, o gasóleo sobe. Cando o cru baixa, o gasóleo… sobe tamén.
Por que? Porque o problema non é sacar petróleo, é refinado. Entre a guerra con Irán e os drons ucraínos sobrevoando refinarías rusas, o mundo perdeu uns catro millóns de barrís diarios de combustible, segundo Vitol, o maior comerciante independente de petróleo. E Rusia, por se faltaba algo, prohibiu exportar o seu diésel.
Aquí chega a palabra que lles quita o sono aos banqueiros: crack spread. Soa a fichaxe estrela do mercado de verán, pero significa simplemente canto máis caro está un barril de diésel ca un de cru. En xaneiro, uns vinte dólares de diferenza. Hoxe, uns setenta e cinco. En Bloomberg chamáronlle un indicador «esotérico». Esotérico para quen non pisou unha gasolineira na súa vida, claro. Para un transportista, é o tícket do surtidor. Para un armador, a primeira liña de gastos antes de soltar amarras.
Pero tranquilos, que hai solución. Nos Estados Unidos pedíronlles ás refinarías que produzan máis. Pequeno detalle: xa van a toda máquina. E unha máquina que vai a toda máquina durante meses ten o feo costume de romper. Un directivo de Kuwait Petroleum dicíao esta semana sen anestesia: se o sistema aguanta ata final de ano, será todo un logro.
Así que xa o saben. A próxima vez que escoiten nas noticias que o petróleo baixa, non descorchen nada. Pregunten na gasolineira. Pregunten en calquera área de servizo ás cinco da mañá. Alí coñecen ese indicador esotérico desde hai meses. Só que lle chaman doutra maneira: encher o depósito.