As marquesiñas dos buses sofren o paso do tempo e padecen a falta de mantemento
Os usuarios quéixanse polo estado de abandono, sucidade e filtracións de auga cando chove
As marquesiñas inclinadas do Milladoiro foron as máis polémicas. As protestas surtiron efecto, e agora xa están arranxadas. Pero non todas corren a mesma sorte.
Só hai que dar unha volta polas aforas das grandes cidades. Algunhas caeron no esquecemento, sucias, vellas e desbaratadas. Nin un só cartel informativo de rutas e horarios. Algunhas levan décadas sen ver un bus parado aos seus pés, un feísmo e abandono que non pasa desapercibido. Outras agardan por un arranxo.
Pero con todo as maiores queixas dos usuarios son porque non valen como refuxio, sobre todo se chove.
"Ou tes sorte e hai aquí algún sitio libre no medio ou os laterais dos bancos están mollados e vaia xa se tes que quedar de pé, móllaste seguro". "E que se filtra a auga, poste pingando". "Mesmo que caian dúas gotas xa che caen na cabeza", comentan os usuarios do transporte público
Algunhas están aparentemente perfectas, pero fallan en canto á orientación.
"Entendo que a parte traseira debería ser opaca porque aí dálle o sol dende o amencer ata o solpor e aquí no verán torrarse a xente, agardando o autobús. Non abrigan nada", apunta un home.
Menos abrigan as marquesiñas que literalmente non existen.
"Atopámonos aquí a pé de estrada sen ningunha marquesiña, non hai nada onde refuxiarse. Hoxe as condicións acompañan, pero podemos atopar un día de auga que non sei, porque ao redor tampouco hai moito onde refuxiarse", insiste unha muller.