O combustible encarece a volta das vacacións cunha suba de máis dun 20%
Segundo os últimos datos, custa preto de 15 euros máis encher un depósito de gasóleo e uns 10 euros máis no caso da gasolina
A volta á casa vai ser máis cara que cando marchamos de vacacións. Agosto remata cun novo incremento no prezo dos combustibles, á espera da actualización da rebaixa fiscal que chega en setembro.
Todo apunta a que a resaca vacacional polo remate de agosto vai vir acompañada dunha nova subida no custo dos carburantes. Encher o depósito en plena operación retorno vai ser significativamente máis caro, o prezo do gasóleo incrementouse arredor dun 24% dende comezos deste verán.
Segundo os últimos datos, custa preto de 15 euros máis encher un depósito de diésel e uns 10 euros máis no caso da gasolina.
Ante o incremento, este martes, 1 de setembro, comezarase a aplicar a nova rebaixa fiscal do imposto sobre hidrocarburos, que busca aliviar economicamente esta situación.
"Eu estou de vacacións e paréceme bastante cara, a ver cada vez máis, soben, baixan, pero está sempre subindo . A min paréceme que está moi cara, sobre todo para quen está de vacacións, o depósito vaise baleirando moi rápido".
"Pois si, si que notamos subidas porque nós andamos moito, sobre todo agora no verán e si que se notou moito no prezo do combustible. Pero temos que andar, temos que vir e temos que repostar, non nos queda outra".
"Por non gastar, home claro!, iso custa, todo moito. E é insoportable porque a vida estase disparando seguido".