Encher a despensa sae máis caro tras as vacacións pola elevada inflación de agosto
En setembro aumenta o consumo de legumes, verduras cociñadas, carne e peixe fresco, segundo a patronal dos supermercados Asedas
A inflación alcanzou en agosto o 4,3% de suba con respecto ao mesmo mes do ano pasado
En setembro aumenta o consumo de legumes e o de verduras, un 36 e un 50 por cento respectivamente, segundo os datos das grandes superficies, un cambio de hábitos alimentarios que este ano cadra ademais con suba de prezos.
"Vin onte de vacacións e si que noto que está todo máis caro, aínda que de momento non fixen cambios", comenta unha muller no mercado do Calvario, en Vigo.
"As verduras, os legumes, un pouquiño de todo. Eu, non sendo no verán que como máis fresco, neste tempo xa me inclino máis por facer sopa, caldiños...", comenta outra muller.
"A xente demanda moita verdura de folla verde, por exemplo, queren acelgas, espinacas, algún repolo, berzas para facer algún caldo... ademais o tempo axuda", di a tendeira dun posto de froita e verduras no mercado.
Froita, ovos e carne, son os que máis subiron. As organizacións de consumidores recomendan comparar prezos e aproveitar ofertas en distintos establecementos, xa que o aforro é considerable.
"É posible aforrar ata mil euros na cesta da compra elixindo o establecemento máis barato. Isto supón ata o 20 por cento do gasto anual dun fogar en alimentación", asegura Enrique García, voceiro da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios)
Outro dos consellos é consumir produto de tempada e de proximidade, xa que ten un menor custo de transporte ademais do beneficio ambiental e para a saúde.
"Porque nós temos aquí moito produto local, san, saboroso e a bo prezo. E por iso recomendamos produto de aquí antes que a acuicultura", sinala unha tendeira cunha peixería no mercado.
"Se has levar unha pescada do pincho, pois levas outra pescada máis barata. É onde tratas de axustar, do resto non. Ademais creo que as nosas nais e avoas si miraban máis a peseta, nós agora xa non tanto...", di un home que fai a compra no mercado vigués.
Facer acopio de produtos non perecedoiros ou optar por alimentos de igual calidade nutritiva pero máis económicos son outros xeitos de encher a despensa sen que se resinta o peto máis da conta.