Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os prezos subiron en setembro un 5,5 % en Galicia, a comunidade autónoma co IPC máis alto

Os prezos subiron en setembro un 5,5 % en Galicia, a comunidade autónoma co IPC máis alto

A media do IPC de España situouse no 4,9 %, cunha forte suba impulsada polo incremento dos prezos do transporte e a vivenda

Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra) Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra)
G24.gal 14/10/2026 09:25 Última actualización 14/10/2026 10:00

Galicia foi, xunto a Castela-A Mancha, a comunidade autónoma coa inflación máis alta en setembro, cando os prezos se incrementaron un 5,5 % respecto ao mesmo mes de 2025, sete décimas máis que o dato de agosto e co transporte e a vivenda como os compoñentes que máis subiron.

A comunidade galega situouse por encima da media do conxunto do Estado, onde a inflación foi do 4,9 %, segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En variación mensual, os prezos incrementáronse un 0,2 % en Galicia respecto a agosto, e no que vai de ano a alza é do 4,3 %.

Todos os grupos rexistraron taxas de inflación positivas en setembro en termos interanuais, as máis elevadas nos transportes, do 12,1 %, e a vivenda, do 11 %.

Seguíronos o vestido e calzado, co 4,2 %; os restaurantes e aloxamentos, co 4 %; os seguros e servizos financeiros, co 3,7 %; as actividades recreativas, deporte e cultura, co 3,4 %, e a información e comunicacións, co 3,2 %.

A inflación dos alimentos e bebidas non alcohólicas situouse no 3 %.

Tamén subiron o coidado privado e outros (2,8 %), as bebidas alcohólicas e o tabaco (2,7 %), os mobles e artigos do fogar (2,3 %), a sanidade (2,1 %), e os servizos de educación (2,1 %).

Os combustibles disparan a inflación ao 4,9 % no conxunto de España

No contexto global español, o IPC disparouse seis décimas en setembro, ata o 4,9 % interanual, a taxa máis alta desde febreiro de 2023, pola suba dos carburantes e combustibles, que encareceron un 27,7 %, nun contexto de choque enerxético derivado da guerra en Irán.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este mércores os datos adiantados hai dúas semanas, coa inflación subxacente (sen contabilizar a evolución dos prezos da enerxía e dos alimentos frescos) no 3,1 %, dúas décimas máis que no mes anterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade