A dificultade para retirar o tren incendiado prolongará días os atrasos no AVE Madrid-Barcelona
Milleiros de afectados nunha xornada caótica nas estacións de orixe e destino
Os trens, obrigados a circular por unha única via coa velocidade limitada
O tren incendiado o luns en Ricla, preto de Zaragoza, segue parado sobre a vía. E Renfe advirte que as dificultades para retiralo poden prolongar varios días os atrasos na liña de alta velocidade entre Madrid e Barcelona.
A estación de Sants viviu horas ao límite da saturación. Xuntánronse todos os usarios do AVE que non puideran viaxar o día anterior por esta incidencia cos que tiña billete para este martes. Formáronse longas colas de reclamacións e de pasaxeiros que buscaban ser reubicados noutros trens. Renfe organizou trens dobres nunha única frecuencia, pero houbo dificultades para recolocar os milleiros de pasaxeiros afectados, aos que a compañía lles garante a devolución dos cartos.
Ademáis o tren incendiado mantén inoperativo un sentido da circulación e no treito afectado a velocidade quedou limitada a 80 quilómetros por hora.
"Tes que esperar a que o tren pase para que pase o teu", explica un pasaxeiro que chegou con demora a Barcelona procedente de Madrid.
Situacións semellantes vivíronse na estación de ferrocarril de Zaragoza e na de Porta de Atocha, en Madrid.
Renfe é a compañía con máis frecuencias nesta liña de alta velocidade e tamén a máis afectada, pero todas sofren as consecuencias desta incidencia. Algúns viaxeiros sufriron atrasos de case tres horas.