Calefacción comunal: unha caldeira de biomasa dá servizo da 34 casas de Monterrei
Os veciños de Infesta xa están preparados para afrontar o inverno estreando o novo sistema de calefacción
Na aldea de Infesta, en Monterrei, deron un paso máis na autoxestión. 34 veciños comparten sistema de calefacción. Instalaron unha caldeira de biomasa que eles mesmos xestionan. Víctor Padróns, presidente da Cooperativa Bioinfesta, explica algunhas vantaxes: "Xa non hai que cortar leña, que para a xente maior é un traballo que lle aforramos. E tamén aforramos moitos cartos porque o gasóleo está carísimo".
Calculan que poden aforrar ata un 40 % con respecto ao uso do gasóleo. O innovador aquí é o emprego de biomasa.
Rafael Castro Bahamonde, enxeñeiro agrónomo do Concello de Monterrei, destaca que no lugar hai "comunidades de montes con milleiros de hectáreas de piñeiral onde se xeran residuos todos os anos. Eses residuos procésanse e valen para que os veciños quenten as casas".
O primeiro paso foi levantar as rúas para instalar todo o sistema de canalización. "É un circuíto pechado onde a auga sae a uns 80º e retorna a 30º, vólvese quentar e retorna aos radiadores dos veciños", detalla o enxeñeiro.
O inverno pasado xa probaron o sistema con bos resultados. Esta rede de calor é un dos catro proxectos pilotos postos en marcha en Galicia e no norte de Portugal.