Os prezos dos pellets subiron, pero tamén o fixo a demanda deste biocombustible
Segundo a Asociación Española da Biomasa, o saco de 15 kg de pellets subiu de xeito constante en 2026. En outubro situouse, de media, nos 5,92 euros
Nesta cooperativa da provincia de Lugo, a venda de pellets medrou de xeito constante nos últimos anos.
"A xente apostou por isto, fixo reformas, caldeiras centralizadas, calefacción e agora usa pellets todo o ano. E agora manexamos unha tonelaxe anual bastante interesante", sinala Miguel Vázquez, responsable dos puntos de venda da Cooperativa Aira.
Aumenta a demanda e os prezos. Segundo a Asociación Española da Biomasa, o saco de 15 kg de pellets subiu de xeito constante en 2026. En outubro situouse, de media, nos 5,92 euros. Entre as causas: o encarecemento da electricidade e do gasóleo.
"Aínda que repercute porque, ao final, ao fabricar o pellet dependes desas enerxías; pero como a materia prima segue sendo a madeira non repercute tanto no produto final que segue a ser máis competitivo", afirma César Burque, responsable de planta de Biomasa Forestal.
Piñeiros dos montes galegos. É a materia prima desta fábrica das Pontes. O 90% ten como destino o mercado español. O resto, cada vez máis, vai para Europa.
"Si que hai alza de exportación porque o resto de países están reclamando tamén pellet español e galego", indica César Burque.
En Galicia a capacidade de produción é superior á demanda. Para o responsable de planta de Biomasa Forestal "nunca vai haber escaseza de pellet xa que tampouco hai falta de madeira e a infraestrutura que temos pode fabricar e aumentar a súa produción", di.
Iso si, aconsellan ser previsores. É o caso da Cooperativa Aira que, segundo o seu responsable de vendas, ten "aprovisionamento para toda a campaña de inverno. Fixemos unha compra bastante grande no verán e penso que nos dará para todo o inverno".
Listos para cando chegue o frío.