As guerras fan subir o prezo da calefacción en Europa: "Vai ser un inverno moito máis caro"
O bloqueo do estreito de Ormuz limita a cantidade de gas que recibe o continente
Investir en tecnoloxía e comparar tarifas pode axudar a aforrar cartos ante o frío
O inverno xa chegou ás facturas. Europa entra no último treito do ano con problemas para poñer a calefacción. A guerra de Irán e o bloqueo do estreito de Ormuz reducen a cantidade de combustible que recibe o continente.
Nótase, sobre todo, no gas, que é o elemento fundamental en moitas calefaccións, e que tamén se usa para producir electricidade. E hai que ter en conta, ademais, que a UE xa non lle compra gas a Rusia, en castigo pola invasión de Ucraína. Hai menos gas cando moitos países do norte e do centro de Europa xa están a sentir frío. E como os prezos se referencian a nivel europeo, a previsión é que tamén aumenten en España.
"Vai ser, enerxeticamente, un inverno moito máis caro có anterior. Derivado da crise de Ormuz, pero tamén porque os almacenamentos de gas en Europa están quince puntos por debaixo de anos anteriores", advirte Christian Canosa, da consultora Attica Enerxía.
Cos prezos subindo, como se pode aforrar? A tecnoloxía dá algunhas respostas. Instalar un sistema de calefacción por biomasa ou con bombas de calor esixe un investimento inicial importante, entre tres mil e seis mil euros dependendo de cada caso, pero a medio prazo permite aforrar moito porque o consumo enerxético é máis baixo ca con outros formatos. Incluso malia que os combustibles máis baratos, como os 'pellets', tamén se estean a encarecer algo.
"A xente ten que facer sempre contas na casa, ten que botar números. Porque se o saco está a cinco euros segue sendo moito máis barato ca unha factura de luz de 170 ou 200 euros", asegura Giacomo Vinazzani, o coordinador comercial da área de biomasa da multinacional galega Ecoforest.
"Cunha bomba de calor, se me sobe o prezo da electricidade, como a maior parte da enerxía estouna a coller do aire ou da terra, a repercusión é moito menor", engade Alberto Ferradás, o xefe da sección de bombas de calor desta empresa líder instalada en Nigrán.
E en calquera caso é esencial buscar as mellores tarifas. Para o caso do gas, a ideal é a Tarifa de Último Recurso (TUR) regulada e limitada polo Goberno. Para a electricidade unha boa opción é analizar prezos no comparador de ofertas de enerxía da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.
"Estes dous xestos que se poden facer en menos de trinta minutos poden aforrar moitos cartos este inverno, moitos", conclúe Christian Canosa, de Attica Enerxía.