Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rouban o motor de dúas lanchas no porto de Caión

Rouban o motor de dúas lanchas no porto de Caión

Usaron unha radial, provocando estragos graves que poderían rozar os 10.000 euros en cada lancha

Malestar entre os usuarios do porto pola falta de medidas de seguridade: "Viñemos recoller o motor"

G24.gal 12/11/2026 14:14

Cortáronos ao rente, cunha radial da que quedaron restos ao pé das lanchas.  

"Levaron o da lancha de meu irmá, en teoría o luns á noite, e o sábado xa levaran o doutra, que estaba pegada. Incluso había restos dunha radial. Supoñemos que irían cunha radial de batería e cortaron todo, cables, soportes..., e cargaríano nunha furgoneta porque nun coche nun caben", explica Roberto Leis, irmán dun dos afectados.

Levaron dous motores fóra borda. Este de 115 cabalos, o outro, de 75. Para se facer unha idea das perdas, o máis grande rolda os 10.000 euros comprado de segunda man. 
Pero a maiores están os estragos que deixaron nas lanchas. 

"O motor estaba aquí e o motor estaba serrado cunha serra e, claro, cortaron todos os cables", sinala Guillermo Iglesias, un mariñeiro.

"Desfeita importante xa non só polos danos no motor senón polos danos, cables de dirección, cable de combustible, cable do acelerador, o soporte, a bancada onde van os soportes, uns estragos considerables", concorda Leis.

Actuaron con nocturnidade e aleivosía, dúas noites case seguidas, amparados pola falta de medidas de seguridade que hai no porto.

"Está todo aberto, así que veñen cun furgón, arriman, e enriba non hai luz, así que poden levar o que queiran", quéixase Benigno Lema, tamén propietario dun barco deportivo. 

Non é o primeiro roubo e temen que non sexa o último.

"Eu teño outra lancha e hai catro anos roubáronnos a cola do motor e pezas constantemente. Isto vén de lonxe", lamenta Roberto Leis.

"Como non vai estar un preocupado se chega aquí e vai para pescar e encóntrase sen o motor? Hoxe en día un motor poden ser 10.000 euros", coincide Evaristo Lois, dono doutro barco.

Mostra desa preocupación, hoxe mesmo en canto escampou...

"Levamos o motor para gardar porque agora colleron o costume e témolos que gardar porque alguén lle comprará as pezas e han de volver", advirte Lema

"Outros non os podes levar porque son motores grandes, que están aparafusados e que pesan 200 quilos, non coma estes que son pequenos que se poden sacar. Aqueles non se poden sacar", explica Lois.

Hai malestar, pero tamén boas novas, porque os motores non chegaron moi lonxe. Segundo puidemos saber, a Garda Civil xa os ten localizados e en breve os seus donos poderán recuperalos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade