Condenados dous mozos que tentaron queimar unha discoteca en Santiago
Os porteiros negáronlles a entrada, e os dous mozos plantaron lume nunha saída de emerxencia do local
Condenáronos a catro anos e cinco meses, pero non ingresarán en prisión se se manteñen cinco anos sen delinquir
Eran as dúas da mañá dun mércores de xaneiro, en 2023. Dous mozos intentan entrar nunha discoteca no centro de Santiago, pero non lles deixan: parece que xa os coñecían de altercados anteriores. Non quedaron conformes e, segundo a fiscalía, ameazaron de morte os porteiros.
Idearon un plan para vingarse: foron por un bidón de gasolina, coáronse por unha galería que daba á saída de emerxencia do local e prenderon lume. Unha persoa viu saír fuxindo os dous mozos, e descubriu o fume. Avisou na discoteca e puideron apagar as lapas con extintores. Había duascentas persoas dentro. Grazas á rápida intervención, e a que a porta de emerxencia era ignífuga, só houbo danos materiais.
Os dous acusados recoñeceron na Audiencia Provincial este relato dos feitos. Pedían para eles oito anos de prisión e 2.600 euros de indemnización polos danos causados. Xa os pagaron, así que con esa reparación do dano e a atenuante de que actuaron baixo os efectos de substancias estupefacientes, rebaixáronse as penas.
Condenáronos a cinco meses de prisión polo delito de ameazas, e a catro anos polo incendio. Non entrarán en prisión se seguen en tratamento rehabilitador e sen volver delinquir durante cinco anos.