Un coche cae ao río en Valdeorras ao tomar mal unha curva
O condutor puido saír do vehículo coa axuda dos veciños, e aínda que foi trasladado ao hospital, non parecía revestir gravidade
Os veciños din que non é a primeira vez que pasa, e reclaman unha varanda para o lugar
Un condutor e o seu vehículo acabaron caendo ao río Mariñán, no Barco de Valdeorras, segundo parece, ao tomar mal a curva. Aconteceu na tardiña deste mércores. Segundo parece non é a primeira vez que pasa e os veciños levan anos reclamando unha varanda para o lugar.
Trátase dunha zona de moito movemento porque está próxima ao hospital, ao campo de fútbol e ao centro de saúde. Dáse a circunstancia de que no momento do accidente era de noite e chovía, factores que puideron influír no sinistro. Así e todo, segundo os veciños, "ademais da ausencia da varanda, o accidente puido ser moito peor".
Testemuñas presenciais axudaron o condutor a saír do coche e foi trasladado ao hospital sen que parecera revestir gravidade. A altura da estrada ao río ten aproximadamente uns tres metros. Segundo algunhas fontes, o Concello do Barco de Valdeorras podería estar estudando a construción dunha rotonda para evitar que accidentes coma este volvan suceder.