Temporada alta para os profesionais que se dedican a limpeza de chemineas
A normativa esixe retirar a feluxe dos condutos de fume polo menos unha vez ao ano
Unha cheminea en mal estado pode provocar incendios e emitir gases no fogar pola deficiente saída de fumes
Achégase o inverno e cómpre unha posta a punto das chemineas. É, xa que logo, tempada alta para os profesionais que se dedican a este necesario labor. Limpar as saídas de fume é imprescindible para un mellor funcionamento dos queimadores e, sobre todo, para evitar riscos de incendio, retirar a cinsa acumulada no conduto. Por lei.
"A limpeza dos condutos de fume de todo tipo de combustión, agás o gas, ten que ser realizada por un profesional e polo menos unha vez ao ano", di Marcos García, responsable dunha empresa de chemineas e estufas de leña.
Pero sobre todo por seguridade.
"O maior problema é que cando a feluxe queda incrustado nas paredes, esa cheminea pode incendiarse con moita facilidade. Estamos falando de que a combustión acada uns 200 graos de temperatura, pero no caso de incendio multiplícase por catro ou cinco a temperatura no conduto", asegura o desenfeluxador.
Varios métodos hai para retirar a feluxe. O máis eficaz é o cepillo de sedas flexibles movido cun trade.
"Vai xirando, con movementos cara a arriba e abaixo e vai facendo unha limpeza uniforme de todo o conduto", sinala Marcos.
Desaconséllanse os remedios caseiros como as cordas ou cadeas.
"Hai xente que sobe aos tellados e usa as cadeas para limpar a cheminea, é algo que eu desaconsello porque en moitos casos danas o conduto e non queda ben limpo".
Tampouco son recomendables os cartuchos que explosionan no interior.
"Se metemos un cartucho para que colla alta temperatura, o único que facemos é incendiar toda a feluxe acumulada no conduto", comenta o experto.
Uns 150 euros pode custar a limpeza. As compañías de seguros esixen un certificado de mantemento para asumir un sinistro provocado polo estado da cheminea.