Publicador de contidos

Publicador de contidos

A factura da calefacción encarécese nos próximos meses

A factura da calefacción encarécese nos próximos meses

A suba vai ser maior para os clientes que teñan a calefacción a gas

Os expertos insisten na necesidade de illar termicamente as vivendas para evitar que se perda calor

G24.gal 07/11/2026 14:23

Baixan as temperaturas e chega a hora de prender a calefacción pero a previsión para os próximos meses son fortes subas que poden superar nun 30% o prezo da factura do ano pasado. As tensións xeopolíticas repercuten principalmente no gas, e son os consumidores deste combustible os que máis o van notar.

O outono cálido que tivemos ata agora permitiu atrasar o consumo de calefacción pero nos próximos meses as facturas de enerxía nos fogares poden chegar a máximos próximos aos de 2022. Os clientes que teñan que anovar o contrato de gas ou electricidade serán os que máis o noten. 

"Hai casos que poden chegar a duplicar a factura, sobre todo se falamos de gas. En electricidade non se duplican pero podemos chegar a pagar un 20% ou un 30% máis", explica Javier Bancells, experto en asesoramento enerxético e xestión empresarial

Os expertos aconsellan revisar os contratos e buscar as mellores ofertas en función dos hábitos de consumo. Insisten en que, a nivel doméstico, é fundamental evitar as fugas de calor para aforrar.

"Non imos ser eficientes se non conservamos o que xeramos xa. Entón é moi importante ter unha vivenda moi illada, revisar xuntas de ventás e portas, non deixar nada enriba dos radiadores nin tapalos con mobles", asegura Bancells

Tamén manter unha temperatura constante e aproveitar as horas de sol, como enerxía natural que entra polas fiestras. 

"Temos que ter unha temperatura sobre 20 ou 21 graos, que xa dá un confort na vivenda. E moitas veces cremos que se alongamos a ventilación imos ser máis eficientes. Con ventilar entre 15 minutos e media hora é máis ca suficiente"

En Galicia máis de 96.700 fogares reciben o Bono Social Térmico financiado polo Estado, unha axuda para que consumidores vulnerables poidan sufragar estes gastos da calefacción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade