O seguro do automóbil e o de decesos, os máis contratados en Galicia
Máis da metade dos galegos teñen pagado o seu enterro
Máis dun millón douscentos mil galegos teñen unha póliza de decesos, segundo os datos da patronal do seguro, UNESPA.
"Case o 60% da poboación ten un seguro de decesos, directa ou indirectamente, porque ás veces hai pólizas familiares que inclúen varios membros da unidade", concreta Juan Manuel Sánchez-Albornoz Gómez, presidente do Consello Galego de Colexios de Mediadores de Seguros.
Tras o do seguro obrigatorio do automóbil, o de decesos ocupa o segundo posto nunha lista de protección cada vez máis ampla.
"Eu teño todo, a póliza de saúde, a do coche, a da vivenda... Todo".
"Teño asegurada a casa, a hipoteca, a cadela, a moto, o coche... E antes tiñamos un seguro de vida, pero xa o quitamos", enumeran dúas aseguradas da Coruña.
Sete de cada dez vivendas galegas contan cun seguro do fogar que, en moitos casos, tamén inclúe a responsabilidade civil polas mascotas. Nos últimos tres anos triplicouse a contratación de pólizas específicas para animais.
"Hai cousas que hai trinta anos nin pensabamos asegurar, como as mascotas, e hoxe xa é un seguro moi popular. Isto quere dicir que medrou o nivel de vida e, con el, o nivel de aseguramento", explica Sánchez-Albornoz
Esta tendencia esténdese ao sector empresarial, que se asegura fronte a novos riscos, coma os ciberataques.