Falece un traballador por varias picaduras de avespa mentres rozaba
Un home de 56 anos faleceu no concello ourensán de Larouco tras sufrir múltiples picaduras de avespa
A vítima estaba rozando no monte, canda máis compañeiros que intentaron reanimalo sen éxito
Descoñécese polo momento se tiña alerxia
Ocorreu pasadas as doce do mediodía, nunha pista forestal entre Larouco e Seadur. Os integrantes dun obradoiro de emprego andaban rozando o camiño no monte cando un deles recibiu varias picadas de avespa.
Francisco Javier Pérez, Protección Civil de Larouco: "Supostamente un niño de avespas desas que hai no monte, pequeniñas. Viron que tirou a careta rapidamente. Debérono picar na boca e na cara. Tiña todo inchado e non lle entraba o aire".
Francisco e o seu fillo foron os primeiros en chegar tras o aviso. Os compañeiros de traballo da vítima intentaban reanimalo.
"Xa eles estaban facendo a reanimación. Aos dous minutos de chegar nós, chegou tamén a ambulancia e despois o helicóptero e os médicos. Estiveron 45 minutos, con osíxeno e todo, pero non deron feito máis", explica Francisco.
O falecido é un home de 56 anos, veciño de Manzaneda, que levaba xa un tempo traballando no obradoiro de emprego supramunicipal. Descoñécese se tiña algunha alerxia que puidese desencadear o fatal desenlace.